Crónica

O conselleiro de Cultura, a idoneidade máxica e a arte de culpar o mensaxeiro na crise do CGAC

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos. (Foto: Europa Press)
José López Campos recunca no argumentario da Xunta da Galiza para defender a nova directora do Centro Galego de Arte Contemporánea, Eva López Tarrío, após o seu polémico nomeamento.

O Parlamento da Galiza viviu esta cuarta feira un deses debates que deixan ao descuberto as fendas dunha xestión cultural cada vez máis cuestionada. A deputada do BNG Mercedes Queixas trasladou á Cámara o sentir dun sector da arte en pé de guerra, acusando o conselleiro José López Campos de perpetrar un "ataque ao buque insignia" da arte galega a través dun nomeamento "á medida" que pon en risco a autonomía do CGAC.

A estratexia defensiva do conselleiro non tardou en despregarse, aínda que con máis fintas retóricas que datos sólidos. Ante a denuncia de Queixas sobre a falta de transparencia e o uso da libre designación, o titular de Cultura escudouse nunha suposta "obriga legal", malia que numerosas fontes técnicas indican que a libre designación é unha potestade limitada e non unha obriga, existindo fórmulas que garantirían un concurso aberto e baseado en criterios técnicos. De feito, o procedemento elixido contradí a propia Lei de Museos da Galiza ao non exixir que a dirección sexa ocupada por persoal facultativo especializado. 

A "excepcional" memoria selectiva do currículo

O relato oficial bate frontalmente con omisións e imprecisións sobre a traxectoria de Eva López Tarrío. Resulta rechamante que se atribúan méritos de coordinación na Fundación Laxeiro anos antes de que esta fose constituída, ou que se presuma de participar na Illa das Esculturas, onde as comisarias orixinais nin sequera lembran a súa presenza. Fronte ás traxectorias das candidaturas alternativas que se coñeceron, a de López Tarrío semella bastante cuestionábel como “a máis competente”.

Porén, nun exercicio de malabarismo semántico, o conselleiro negou categoricamente ter afirmado nunca que o de López Tarrío fose "o mellor currículo" presentado, insistindo en que o que el defendeu sempre foi que era "o perfil máis idóneo". Esta puntualización abre un interrogante inquietante: se o currículo —é dicir, a traxectoria, a experiencia e os méritos obxectivábeis— non era o mellor, e o proxecto presentado era de apenas cinco páxinas, que foi exactamente o que se avaliou? Cando a "idoneidade" se despega da solvencia técnica documentada, a barreira entre a valoración profesional e a pura discrecionalidade política —ou o que Queixas denominou "arbitrariedade e nepotismo"— vólvese perigosamente invisíbel.

O conselleiro protagonizou o momento máis surrealista da xornada ao tratar de emendar a súa metedura de zoca sobre o xénero da dirección do centro. Tras afirmar que López Tarrío era a primeira muller en dirixir o CGAC —esquecendo o mandato de Gloria Moure—, López Campos fixo gala dunha pirueta dialéctica cargada de ironía. Asegurou que el en realidade dixera "primeira muller galega", e que se a prensa non o recolleu así, foi un erro do xornalista. Semella que a historia do CGAC pode reeditarse segundo conveña, aínda que iso implique culpar ao mensaxeiro.

O "ruído" político como cortina de fume

Finalmente, o conselleiro quixo pechar o debate recorrendo ao manual de confrontación partidista. Nun intento de deslexitimar o clamor unánime do sector —que inclúe desde a Real Academia Galega de Belas Artes, o Departamento de Historia da Arte (USC) e a facultade de de Belas Artes (UVigo) até o Comité Internacional para Museos e Coleccións de Arte Moderna e o Comité Español do Consello Internacional de Museos—, López Campos tratou de enmarcar as críticas nunha simple "lea" do nacionalismo. Acusou o BNG de buscar "salsilla" e rédito político, chegando a insinuar que o verdadeiro problema da oposición é que a elixida é unha muller "independente" que non será un "títere" do nacionalismo.

Desta forma, o conselleiro pretende reducir a protesta de practicamente todas as institucións que se ocupan da arte contemporánea na Galiza, do Estado e internacionais —e que mesmo provocou a dimisión de tres das cinco vogais do Consello Asesor do centro— a unha estratexia partidista, ignorando que o malestar nace dun sector que ve como o control político e o turismo ameazan con converter o CGAC nunha simple extensión do Goberno do PP.