O Concello de Lugo comeza cos preparativos do San Froilán 2025

Unha persoa serve unha ración de polvo no San Froilán de 2022 (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O recinto feiral abrirá do 26 de setembro ao 12 de outubro e a ración de polbo custará 15 euros.

Con case cinco meses de antelación, a área de Cultura do Concello de Lugo celebrou esta sexta feira a primeira reunión preparatoria das Festas do San Froilán 2025. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presidiu a primeira xuntanza da Comisión de Festas no pazo municipal.

Como primeiros acordos de cara á organización desta edición, Maite Ferreiro anunciou que se modificarán os pregos das casetas e dos caldeiros "licitando só os tres que se cubriron os últimos anos, e aproveitando o novo espazo baleiro para ampliar o número de barracas do feiral".

O prezo da ración de polbo sobe a 15 euros

Acordaron tamén o período de apertura do recinto feiral do San Froilán 2025, que abrirá entre o 26 de setembro e o 12 de outubro, mentres que as casetas poderán desenvolver a súa actividade entre o 26 de setembro e o 2 de novembro.

A Comisión de Festas fixou o prezo das tradicionais racións de polbo, que este ano custarán 15 euros.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua puxo de manifesto que "desde a área de Cultura comezamos a traballar xa nas festas”, un traballo coa Comisión con meses de antelación para a organización dun evento que prevé de novo “encher de actividades as rúas de Lugo”, cun programa que segundo avanzou Maite Ferreiro estará “pensado para que todas as persoas atopen pasatempos do seu gusto".

Así mesmo, segundo expuxo, na Concellería de Cultura teñen xa en marcha cuestións relacionadas coa organización das festas, moitas delas “avanzadas e abertas”, como os prazos para participar na feira Gastroarte e os contratos para instalar as casetas de venda nas distintas zonas do feiral.

A Comisión das Festas do San Froilán 2025 está composta por un total de oito integrantes, dos que tres son do grupo municipal Socialista, catro do grupo popular e dous do BNG, xunto co xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario.