Sexta feira 25 de xaneiro na Coruña

A compañía Estudo Momento estrea o 'Macbeth' en versión de Manuel Lourenzo

Fotograma do filme 'Macbeth', dirixido e protagonizado por Orson Welles (na imaxe) en 1948. Foto: Wikipedia.

Un dos máis universais clásicos de William Shakespeare estréase esta sexta feira, 25 de xaneiro, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña (20.30 horas). Macbeth, en versión galega do histórico dramaturgo Manuel Lourenzo, subirá ás táboas da man de Estudo Momento.
 

Codirixida e protagonizada por Xoán Carlos Mejuto e Iria Ares, no elenco atópanse actores coñecidos da televisión como Luís Iglesia —Lobos e Cordeiros, Matalobos—, David Perdomo —Land Rober—, ou Carlos Sante —Fariña.

 

“A traxedia celta de Shakepeare é unha viaxe á chaira escocesa neboenta e insegura”, indica a compañía Estudo Momento nun comunicado de prensa, “tambores de guerra, berros de barro, versos de sangue, traizón e morte.  [...] Voltan os tempos escuros. Voltan os tempos de Macbeth”.

 

Estudo Momento gañou coa súa primeira montaxe -outro clásico, a Casa de Bonecas de Ibsen- o Premio Luísa Villalta pola Igualdade que concede a Deputación da Coruña.