"Coa madurez tomas máis riscos e avanzas con seguridade"
Aa escultura galega contemporánea máis coñecida segue o ronsel dos grandes mestres do país na elección dos materiais, pedra e madeira, e nas técnicas asociadas a eles, cada quen ao seu xeito, pero Pepe Galán (A Coruña, 1955) bebe doutras fontes, non son as da Galiza rural, hai materia e técnicas da Galiza industrial.
Pois si, as técnicas que uso, o traballo no meu taller cortando chapa, soldando, lévanme a realizar elementos plásticos dese tipo, no momento de construír as ideas abrollan as referencias ao mundo industrial: o ferro levoume a iso, aos barcos que na Coruña teño diante dos ollos.
Nas pezas de Pepe Galán hai ferro, cristal, cartón, tecido, e ademais, moitas veces os materiais preséntanse inicialmente prefabricados, son produtos que logo transforma ou manipula, como nas recentes series Encaixa ou Anguria, deixando ver a súa orixe, tamén aparecen os parabrisas dos carros, dos autobuses, cortados, esmagados, crebados...
Eu parto de construír, ensamblar, soldar, as miñas técnicas non son tallar nin labrar, esa é a diferenza coa tradición. Ademais, non facendo figuración é máis doado este camiño... Nos anos mozos eu pintaba, estaba influído polo expresionismo abstracto, pola pintura de acción... Si, tamén fixen un autorretrato hiperrealista en 1976, con vinte e un anos, pero quedou sen rematar... Traballaba óleo sobre lenzo, pero axiña quedei sen cores na paleta e o tecido comezou a avanzar desde o plano do cadro e coa tensión o lenzo fíxose volume.
Ti es fillo de xastre, traballaches no obradoiro familiar, mesmo tes a gala que aínda sabes cortar un traxe...
Pode ser, eu daquela tirei das miñas habelencias, debía aproveitalas... Ademais influíume moito o italiano Pistoletto (Biella, 1933), o fundador da Arte Póvera, el non se limita, manexa moitos materiais e valora os conceptos: eu camiñei cara aí e agora coa madurez teño menos medo e podo aventurarme, tomo máis riscos e procuro avanzar con seguridade. No camiño de facerte escultor caben moitas referencias, pero ao entrar no mundo conceptual podes prescindir da materia: é unha liberación... Na arte, a escultura é o máis custoso e o máis lento, en todos os sentidos.
[Podes ler a entrevista íntegra no número 303 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]