As claves do I Festival Webseries Carballo Interplay

Interplay

Carballo celebrará, do 24 ao 27 de abril, o único festival de webseries existente en todo o estado até o de agora. O I Festival de Webseries Carballo Interplay (CIP) repartirá 5.000 euros en premio e situará Carballo na vangarda do audiovisual apostando por un xénero en plena eclosión. A organización está xa poñendo a funcionar as máquinas a pleno rendemento.

Que é o I Festival Webseries Carballo Interplay?

As webseries son todo un fenómeno en eclosión nos últimos anos. Webseries galegas como "Ángelica e Roberta" conseguiron gran aceptación. Mais até o momento, este xénero non contaba cun festival propio. Como moito, dispoñían de sección propia nalgún festival, como os Mestre Mateo, sensibles ao novo burbullar creativo do audiovisual na rede. Así que, con este festival, Carballo sitúase en plena vangarda das novas tendencias do audiovisual. A capital bergantiñá será o primeiro lugar do Estado onde se celebre un festival deste tipo.

Por que a eclosión das webseries?

En momentos complexos para o audiovisual, pola crise e o recorte de axudas públicas, internet supón un escaparate co que poder chegar de modo rápido e eficaz á audiencia e sen necesidade dunha televisión que aposte polo teu produto para emitilo. Os creadores, as creadoras, poden controlar así o proceso de difusión, abarátanse os custes e dáselle entrada, ademais, a novos modos de produción, como o crowfunding, o financiamento en función das achegas particulares de todas aquelas persoas que queiran apoiar o proxecto.

Quen organiza o Carballo Interplay?

Organízao o Concello de Carballo, a través da súa concellería de Promoción Económica. Tal e como se explica na web, dende o Concello quérese apostar pola creatividade, a cultura e o desenvolvemento das industrias culturais, aproveitándoo ademais para darse a coñecer como unha vila dinámica e acolledora. E farao apoiando ese rico caldo creativo que burbulla na rede.

E que profesionais están pondo a funcionar a máquina?

O Carballo Interplay  ten por detrás a un equipo forte de mulleres do audiovisual galego. Sonia Méndez, a directora,  é realizadora e actriz. Xunto con Sandra Lesta, a responsable de actividades paralelas do festival, é creadora, guionista e actriz da serie online "Angélica e Roberta". 

Que te vas atopar?

Ademais do propio festival en si, no que as webseries serán proxectadas e entrarán a concurso, haberá obradoiros, charlas, master class, mesas redondas e mesmo concertos. Con anterioridade ao festival, organizarase un obradoiro de webseries con mozos e mozas de Carballo. O resultado proxectarase tamén no festival.

E a quen te vas atopar?

O Carballo Interplay contará con algunha e algún dos máis destacados profesionais no ámbito das webseries no eido do Estado.  Terá un padriño e unha madriña de luxo: David Sáinz e Teresa Segura, de "Malviviendo", unha das webseries estatais máis exitosas. E tamén estará en Carballo Julio Garma, da recoñecida serie de animación "Freaklances", que presentará o Freaklances Project, un proxecto de distribución de webseries que suscita non poucas expectativas. Do obradoiro gratuíto que se impartirá en marzo encargarase o director galego Javi Camino, da produtora Magnetova, e responsable á súa vez da webserie "El viúdo quiere mimos".

Quen pode participar?

Poden participar todas aquelas webseries producidas entre os anos 2012 e 2014 en calquera punto do Estado que teñan ao menos tres capítulos emitidos no momento de presentarse ao festival, de calquera duración, temática ou xénero, tanto de imaxe real como de animación.

Onde podo atopar as bases?

Podes consultar as bases na páxina web do Carballo Interplay.

Cales van ser os premios?

O festival, que está organizado pola concellería de Promoción Económica de Carballo, premiará á mellor webserie de imaxe real con 1.500 euros, á mellor webserie de animación con outros 1.500 e á mellor webserie galega con 1.000 euros. Haberá tamén un Premio do Público dotado con 1.000 euros e dous galardóns sen dotación económica para a mellor actriz e o mellor actor.