Claudio Rodríguez Fer recibe o Premio Babel de Literatura 2025 da Universidade de Texas

O poeta Claudio Rodríguez Fer. (Foto: USC)
O galardón recoñece as persoas que promoven o diálogo literario entre linguas e culturas.

O poeta, narrador e ensaísta en galego Claudio Rodríguez Fer, director da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da Universidade de Santiago de Compostela, acaba de ser galardonado co Premio Babel de Literatura 2025 que concede Mundus Artium Press, entidade radicada na Universidade de Texas, en Dallas (EUA), pola "calidade excepcional e a importante contribución do seu traballo" no campo literario. O premio, que se entrega anualmente, "honra persoas que promovan o diálogo literario entre linguas e culturas", pois o escritor lucense conseguiu que a súa escrita en galego sexa un referente do multilingüismo literario mundial a través da tradución.

O estudoso e tradutor Claudio Rodríguez Fer, profesor visitante en diversas universidades dos Estados Unidos e de Europa, goza de numerosos recoñecementos en diferentes ámbitos, como o Premio Nacional da Crítica do Estado español ou o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes. A eles poden engadirse outras distincións como a Medalla Eminescu en Romanía ou a de Cunqueiriano de Honra na Galiza.

O comité internacional que outorga o premio gabou os valores do galardoado. o doutoramento honoris causa pola Universidade da Alta Bretaña en Rennes. "Defensor da paz e dos dereitos humanos, Rodríguez Fer influíu no discurso literario global a través da súa poesía, estudos e publicacións multilingües. O Premio Babel recoñece os seus logros ao longo da súa vida para superar as divisións lingüísticas e culturais", destaca o xurado.

Claudio Rodríguez Fer, "voz destacada da literatura de vangarda", é un escritor galego traducido a numerosos idiomas –castelán, portugués, inglés, francés, alemán, italiano, grego, romanés, ruso, árabe, bretón, esperanto etc.– e o seu poema "A cabeleira" está traducido a máis de oitenta idiomas dos cinco continentes da Terra, sendo por tanto o texto con máis versións da historia da literatura galega.

O Premio Babel de Literatura recoñece a persoas cuxo labor literario reverte o antigo símbolo da Torre de Babel, que simbolizaba o esforzo humano condenado ao illamento lingüístico e moral. Por isto premia aos escritores que nas súas vidas e nas súas obras se valen da forza da tradución literaria como medio de superación do solipsismo persoal e social en beneficio de valores profundos de maior alcance, como a paz, a liberdade, a xustiza, a memoria e o entendemento xeral entre os pobos e as persoas.

É a primeira vez que esta distinción recae na Galiza, pois anteriormente foron galardoados escritores de Italia, Albania, Francia, Rusia e Corea do Sur.