Cinema

Cineuropa premia Carlos Saura na súa 30ª edición

Carlos Saura

O Premio Cineuropa Especial da 30ª edición do festival recaeu en Carlos Saura, un dos directores máis significativos do cinema español que continúa en plena actividade creativa.

Aos seus 84 anos de idade, Carlos Saura recibirá o Premio Cineuropa Especial cando ten lugar a 30 edición do festival compostelán. Será o propio cineasta quen recolla o galardón o 25 de novembro, día en que tamén se proxectará o seu último filme, Zonda, unha fita en que aborda a música popular arxentina.

Cineuropa, que terá lugar entre o 8 e o 25 de novembro, reivindica con este premio a “palpitante vixencia do discurso político do cinema de Carlos Saura e a necesidade de que as xeracións novas coñezan e se acheguen á súa obra, excepcional e subversiva”. Carlos Saura sumarase con este premio a directores como José Luís Guerín, Bigas Luna, Albert Serra, Jaime Rosales, Vicente Aranda, Fernando Trueba, Oliver Laxe ou José Luis Borau, receptores do tributo do festival en edicións anteriores.