Estrea da 'Estación Violenta' e terceira semana de 'Dhogs'

Cinema galego na carteleira comercial

Nerea Barros, nun dos planos de "A estación violenta"

Nas carteleiras dos cinemas galegos está acontecendo un fenómeno inaudito. Coinciden nelas dous filmes galegos e en galego, dirixidos por cineastas novas: A Estación Violenta, de Anxos Fazáns, e Dhogs, de Andrés Goteira.
 

Dhogs, unha ficción pura que se vale da linguaxe dos xéneros -thriller, ciencia ficción, western, ángulos surrealistas- para reflexionar sobre a parte escura do ser hummano, encara a súa terceira semana consecutiva nas salas. Logo do seu paso por importantes festivais, entre eles o de Sitges -onde foi a primeira obra galega na súa sección oficial- ou o Bacifi, aguanta en nove cinemas.

Os Cantóns da Coruña, Numax en Compostela, os Norte en Vigo, os Duplex en Ferrol, os Abella en Lugo, o Avenida da Estrada e mais o Central da Estrada acollen proxeccións do traballo de Goteira (Meira, 1983). Que tamén se exhibe no Zumzeig de Barcelona e no Artistic Metropolitan de Madrid.

 

A Estación Violenta, filme intimista de aire indie baseado na única novela do xornalista Manuel Jabois, é o debut en longametraxe de Anxos Fazáns (Pontevedra, 1992). Esta quinta feira pre estréase na Sala Numax de Compostela. Despois haberá un cocnerto celebratorio na  Capitol con Igmig, Pantis, Rabuda e Contenedor de mierda -o conxunto punk en que toca a propia Fazáns.

 

A partir da sexta feira, 1 de xuño, A Estación Violenta estará nas pantallas dos Norte, os Duplex, os Abella, os Cantóns, o Numax, o Expo de Pontevedra, os Pontevella de Ourense e o Seixo de Marín.