Filme baseado nun relato de Robert Musil

A cineasta Rita Azevedo presenta 'A portuguesa' en Compostela

A cineasta portuguesa Rita Azevedo Gomes. Foto: Numax Distribución.

Os últimos filmes de Rita Azevedo Gomes (Lisboa, 1952) atópanse entre os máis recoñecidos pola crítica internacional dentro do internacionalmente recoñecido cinema portugués recente. A portuguesa titúlase o último, baseado nun relato do escritor austríaco Robert Musil e que esta sexta feira, 26 de abril, estréase en Compostela, Vigo, Ferrol e Lugo.
 

A propia Azevedo Gomes acudirá á presentación da obra en Compostela, na sala Numax ás 19.15 horas. A cineasta estabeleceu relacións con Galiza con Correspondências (2016), distribuída no Estado español precisamente por Numax, quen fai o propio con A vingança de uma mulher (2012) e con esta última, A portuguesa. Discípula da presenza totémica do cinema portugués Manuel de Oliveira, o seu traballo afástase dos usos consensuais do medio e, como no caso de Straub e Huillet pero con outro achegamento, mantén un diálogo constante coa literatura.

Ambientada na Idade Media, a obra relata a vida da señora Von Ketten, dona portuguesa de Lord von Ketten que reside nun castelo no norte de Italia e, segundo a sinopse, “le, canta, soña, baila, nada, cabalga no bosque á espera de poder regresar ao xogo do amor”. Porque Von Ketten leva 11 anos na guerra.

 

Dos diálogos do filme, que protagonizan as actrices Clara Riedenstein e Marcello Urgeghe, encargouse a narradora portuguesa Agustina Bessa-Luís. A música, como noutras fitas da directora, corre a cargo de José Mário Branco, mítico cantor de intervención e produtor de numerosas obras mestras de José Afonso.

 

“Interésame que pase unha certa actualidade da nosa época para dentro dunha historia que acontece nun século moi antigo”, declarou a directora á Axencia Lusa, “non podo falar dunhas persoas que nin sei se existiron sen estar a falar das persoas que están ao meu carón e do que pasa hoxe en día”.

 

A portuguesa xa se estreou en Portugal e pasou polo Festival de Berlín, o de Mar de Plata e no das Palmas de Gran Canaria gañou o galardón ao mellor filme. No pase de Compostela coa presenza da autora colabora o Instituto Camões de Vigo.

 

Nota: cartel do filme A portuguesa de Rita Azevedo Gomes.