Entre o 10 de outubro e o 12 de decembro

O científico Xurxo Mariño abre o ciclo 'Para estar no mapa do mundo' da Alexandre Bóveda

O neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño. Foto: cedida.
Conexións. Unha viaxe arredor do mundo con destino Galiza é o título da palestra que abre o ciclo Para estar no mapa do mundo, da asociación cultural Alexandre Bóveda. Impartiraa a quinta feira, dez de outubro, o neurocientífico e divulgador Xurxo Mariño, e tratará de como “viaxar polo mundo adiante” axuda a “comprender e coñecer o que se vai observando na medida en que se estabelezan conexións co mundo cotián”.

Para estar no mapa do mundo reúne voces diferentes que tiran do fío dunha historia para amosar pensamentos, vontades e accións diferentes e así comprender, coñecer, propoñer ou tan sequera amosar o mundo do que formamos parte”, explica a asociación, en cuxo local da Coruña, sempre ás oito do serán, decorrerán as conferencias.

Á de Mariño sucederaa o cineasta Oliver Laxe (segunda feira, 14 de outubro), que disertará sobre “cinema e esencia”. A escritora e profesora da Univesidade de Santiago Teresa Moure falará a quinta feira, 24 de outubro, arredor do “discurso do ódio: a questão é saber quem manda aqui” e os usos emancipadores e dominadores da linguaxe.

O 30 de outubro, cuarta feira, volverá haber sesión cun escritor, desta volta Suso de Toro. Que pensará en voz alta pero sobre xeopolítica: Seguimos a imaxinar en mapas de cores, titúlase a súa achega. De Feminismos e dereitos democráticos reflexionará a profesora e concelleira do BNG en Compostela Goretti Sanmartín a quinta feira 14 de novembro.

Outro profesor, Jorge García Sanmartín, abordará as “masculinidades disidentes” a quinta feira 21 de novembro. A politóloga Maria Castelo e a enxeñeira agrónoma Begonha de Bernardo Minho ofrecerán a cuarta feira 27 de novembro unha intervención sobre ecofeminismo.

Será o polémico profesor Ramón Grosfoguel -da Universidade de Berkeley (California, Estados Unidos) quen se encargará a quinta feira 12 de decembro de pechar as xornadas, cunha palestra de título Unha mirada descolonial de Galiza: o Estado imperial español, a esquerda españolista e o soberanismo das nacións sen Estado. Segundo Grosfoguel, no actual contexto xeopolítico “emerxe a necesidade cada vez máis apremiante de descolonizar tanto os fundamentos epistémicos do pensamento filosófico eurocéntrico como as políticas derivadas del no Estado español”.