O ciclo "Pensarmos" regresa cunha conferencia sobre a 'infoxicación'
A escritora e filósofa Margot Rot (Xixón, 1997) reflexionará esta quinta feira, a partir das 18 horas, no Consello da Cultura Galega (CCG), sobre como afecta o uso das tecnoloxías ás nosas emocións e á nosa identidade. Será na sesión titulada Infoxicación: e se a indiferenza é unha consecuencia sistémica?, que forma parte do ciclo "Pensarmos" co que a Sección de Pensamento da institución propón reflexionar sobre cuestións de actualidade. A cita, coordinada por Celia Pereira Porto, emítese en directo desde o web e as redes sociais da institución.
A protagonista da vindeira sesión de "Pensarmos", Margot Rot, é a autora do ensaio titulado Infoxicación: Identidade, afectos e memoria; ou sobre a mutación tecnocultural, no que analiza como a tecnoloxía e a virtualidade inflúen na nosa percepción do tempo e do espazo, afectando directamente á nosa identidade e ás nosas emocións. A autora explora como a sobrecarga informativa pode levar ao esgotamento emocional e á apatía, cuestionando as consecuencias desta abundancia de información na sociedade contemporánea.
Ademais, Rot destaca a importancia de cuestionar os nosos desexos nun mundo onde todo parece posíbel e onde a tecnoloxía media constantemente nas nosas interaccións. Na sesión de hoxe sentarase co psicólogo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ricardo Fandiño.
A Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo "Pensarmos" en xaneiro de 2019 co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Por este foro pasaron xa máis dunha vintena de conferenciantes como, por exemplo, Eva Veiga, Victoria Quintero ou Mar García Puig por citar só algúns dos máis recentes.