Chévere desembarca no Culturgal 2024 coa súa primeira 'Ultranoite Cultureta'

Grupo de teatro Chévere. (Foto: Culturgal)
As entradas e abonos do Culturgal 2024, que decorrerá do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra, xa están dispoñíbeis na web cultur.gal.

O Culturgal 2024 será o escenario de Ultranoite Cultureta, un espectáculo que o grupo Chévere preparou expresamente para a Feira das Culturas Galegas. Con esta obra, a compañía chega a unha nova edición de Culturgal para achegarse ao estado da cultura galega e visitar algúns dos seus lugares comúns.

Esta Ultranoite única representarase o sábado 30 de novembro ás 21 horas no Auditorio do Pazo da Cultura de Pontevedra. "Volvemos a Culturgal cunha Ultranoite para presenciar o conflitivo divorcio da industria e a cultura. Non foi máis que un matrimonio de conveniencia? Non houbo amor? Ou foi un amor imposíbel?", cuestiona a compañía.

O espectáculo tenta atopar respostas a outras preguntas: "Somos unha potencia cultural? A nosa enerxía cultural mídese polo número de premios e medallas concedidas por metro cadrado? Quen é quen na 'Santa Compaña' da cultura galega? É a Cidade da Cultura un cambio de paradigma con respecto á tipoloxía das Casas da Cultura? Hai vida máis aló da subvención?".

Entradas e abonos

As entradas e abonos do Culturgal 2024, que decorrerá do 29 de novembro ao 1 de decembro en Pontevedra, xa están dispoñíbeis na web cultur.gal. A compra anticipada inclúe descontos, con prezos de tres euros a entrada dun día, cinco euros o bono dos tres días e prezos especiais para familias e público infantil.

A entrada anticipada para o espectáculo de Chévere é de 22 euros e inclúe o acceso dun día ao Culturgal. Están tamén á venda as entradas para A meniña e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco. O 29 de novembro, ás 21 horas no Auditorio, haberá un concerto da Banda Xangai e mais a estrea do documental Bravú XXX, gratis coa entrada do Culturgal.