Cesáreo Sánchez, os oficios tradicionais que esvaecen e a loita de Mercedes Núñez contra os nazis, protagonistas do 'Sermos Galiza'

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado, 25 de xaneiro.

Lembra que podes atopar o semanario 'Sermos Galiza' este sábado, 25 de xaneiro, acompañando o xornal 'Nós Diario' nos quiosques.

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do Sermos Galiza. Este 25 de xaneiro  o semanario achéganos os camiños poéticos de Cesáreo Sánchez, aos oficios tradicionais en perigo de extinción e a historia de Mercedes Núñez, presa nun campo de concentración nazi.

Cunha fecunda obra poética que comeza en 1978 con Silencios e conversas de inverno (Editorial Celta), Cesáreo Sánchez Iglesias (Dadín, O Irixo, comarca do Carballiño, 1951) pon en circulación agora unha nova edición do esgotado O rumor do distante. A escrita da terra (Laiovento, 2024), o poemario co que gañou no ano 2000 o Premio Esquío de poesía que organiza a Sociedade de Cultura Valle-Inclán. Xan Carballa conversa con Sánchez, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, sobre as trabes principais que sosteñen o seu discurso poético sobre os camiños.

“O libro saíra na editora do desaparecido editor Fernando Bores, que publicaba os Premios Esquío dos que era fundador e alma máter. Adoraba a poesía e creo que hai toda unha xeración no sentido temporal, case dúas, que se van engarzando e están dentro deses premios. Agradezo sinceramente a Laiovento esta nova edición porque estamos nun momento no que vemos a deriva que vive o país”, explica Sánchez.

Apágase o alento dos oficios tradicionais

Habitar o Baleiro regresa ás páxinas iniciais deste número de Sermos Galizas, cunha reportaxe titulada “As mans que creban a desmemoria”, sobre os oficios tradicionais e que nesta ocasión asina A. A. Ucha acompañada coma sempre das impresionantes instantáneas de Brais Lorenzo.

“Eladio guinda unha presa de millo á roda do muíño no que a súa familia moeu dende hai máis dun século. A uns 150 quilómetros, Celso bota ao lombo a coroza e lembra os tempos dunha xuventude alegre, pero marcada pola guerra. Saben que apenas quedan moedores e coroceiros. Apágase o alento dos oficios tradicionais nas aldeas galegas. Pero dúas mulleres, en Merza e Berres, representan hoxe, con orgullo e inxenio, a esperanza do legado de todo un pobo, que tamén é o das súas familias, durante varias xeracións. Elena Ferro, zoqueira, e Isabel Neira, torneira, xa guindaron a semente”, explica Ucha.

A loita contra o fascismo de Mercedes Núñez

A seguir, Alba A. Freixanes cóntanos a historia de Mercedes Núñez, a muller que conservou o Triángulo Vermello, a raíz do novo libro da colección Pequena Memoria, O Triángulo Vermello (Xerais, 2024), escrito pola xornalista Carme Vidal (Fornelos de Montes, comarca de Vigo, 1966) en colaboración co fillo da protagonista, Pablo Iglesias Núñez (París, 1949), e con ilustracións da artista Belén Diz (Bueu, O Morrazo, 1993). Trátase dun álbum ilustrado que relata a militancia antifascista de Mercedes Núñez Targa e as súas experiencias no Cárcere de Ventas e no campo de concentración de Ravensbrück.

“Foi detida en 1944 e sometida a un violento interrogatorio executado polo colaboracionista francés René Bach, na sede da Gestapo en Carcassona, para ser trasladada ao cárcere de Roamville e despois ao campo de concentración de Ravensbrück, coñecido como o "Inferno das mulleres". Neste lugar deixou de ser Mercedes ou "Paca" para pasar a ser simplemente o número 43.225. […] Baixo un ambiente de constante persecución e medo, Mercedes aliouse con outras presas para practicar accións de sabotaxe no proceso de produción”, relata Freixanes.

Libros, música, cinema e escena

Como cada sábado imos poder sumar novas lecturas á nosa conta de pendentes. Tensi Xesteira proponnos unha tradución de Winesburg, Ohio de Sherwood Anderson, da man de Carlos Valdés e a editorial Irmás Cartoné. “Construído a modo de pequenos retallos, aínda que todos fiados, nel atopamos relatos que reivindican que todas as persoas temos historias que contar. Son a demostración de que a vida está no día a día”.

Pola súa parte, Inma Otero repara no último poemario de Daniel Salgado, Poemas realistas (Apiario, 2024), que retoma o final do sintagma Os paxaros e outros poemas (Xerais, 2021) para encabezar o nome da obra recente e colócase o campo de senso ao que remiten os paxaros no final. “Atopar un equilibrio satisfactorio entre realidade e interpretación é complexo e require dar voltas. Máis, se cabe, cando se quere mediar desde unha ética que evite a inxustiza”.

Fernando Montenegro achéganos unha nova crítica musical. Nesta ocasión, de Viva la Muerte de Mão Morta, un disco que fala do regreso do fascismo: "Deus, pátria, família, autoridade. Por toda a parte, as premissas fundacionais da nova ordem", cantan desde a celebración dun aniversario que coincide co cincuentenario da Revolución do 25 de abril.

Volve tamén o jazz de David Regueiro, que neste Sermos Galiza pon o foco sobre un instrumento típico deste xénero: o violín. “Hoxe en día hai grandes músicas e músicos de jazz tocando os instrumentos máis insospeitados. Porén, non é o caso do violín, presente neste estilo desde o seu nacemento”.

En cinema, Andrés Castro debulla o documental Buscando a Santa Compaña de Fernando Cortizos. “Múltiples conxecturas cheas de datos e investigación con conexións inesperadas e un fascinante desenvolvemento que remata nunha inquietante conclusión e co propio Cortizo gravándose a si mesmo nun cemiterio de noite intentando probar, ao estilo de Expediente Warren, a presenza de fenómenos estraños. O normal é fuxir da Santa Compaña, pero Fernando vai tras dela. Sería moi interesante poder ver enteira esa gravación final”.

Manuel Xestoso lévanos a botar unhas risas á Ultranoite #115 de Chévere, que “leva anos organizando esa información sobre a farsa, colocando no escenario a lóxica que falta nun mundo que se inclina á hipérbole. É unha forma de facer política pola que levan pagado demasiadas peaxes”.

Finalmente, Anxo Fole axúdanos a combater o frío invernal cun fresco menú brasileiro, acompañado, coma sempre, das recomendacións vinícolas de Vide, vide!. O feche corre da man de Xerardo R. Roca e Xoán Costa con varias propostas de pasatempos.

 

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza este sábado, 25 de xaneiro, acompañando o xornal Nós Diario.