Catro mil sinaturas para un conservatorio de danza en Compostela

Representantes da Plataforma entregaron hoxe as sinaturas (Foto: Plataforma)
 Esta infraestrutura ben sendo demandada desde hai anos.

Membros da Plataforma pola creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Compostela rexistraron esta quinta feira na Xunta as sinaturas recollidas polo colectivo antes do inicio da pandemia e pola que instan á Administración galega a atender unha demanda que vén de vello: que a capital galega conte cun centro profesional desta disciplina artística.

Os membros da plataforma, que representaban diversos sectores profesionais da danza, docentes, familias e alumnado; indicaron que o “amplo apoio recibido”  para a posta en marcha dun centro de estudos profesionais de danza en Compostela evidencia un “desexo social”. 

Foron máis de 4.000 sinaturas, “tanto en papel como en internet”, cun único obxectivo; “a necesaria creación dun centro de danza que xa leva máis de 14 anos de retraso”.

Esta demanda está sustentada, ademais, en datos compilados pola plataforma a respecto do numeroso alumnado asistente a escolas e academias privadas en Compostela e na súa contorna, así como na oferta de actividades extraescolares nos diferentes centros de ensino.

A Plataforma botou a andar logo da aprobación, no pleno do Concello de Santiago, dunha iniciativa do BNG que recollía o compromiso de colaboración coa Xunta da Galiza para a creación dun conservatorio profesional de danza na cidade.

A entrega de sinaturas en dependencias da Xunta é unha iniciativa máis das realizadas pola plataforma, logo das entrevistas mantidas cos grupos parlamentares de BNG e PSOE (o PP negóuse a recibilos, informan).

Novas iniciativas

 Ao mesmo tempo, membros da plataforma anuncian que levarán a cabo novas iniciativas para atinxie máis apoios e “facer ver ao Goberno galego a necesidade e oportunidade de contar cunhas instalacións de titularidade galega para o centro-sur do país”. Na actualidade, explican, só existe un conservatorio profesional de danza na Galiza dependente da Consellería de Educación, situado en Lugo e outro en Coruña, xestionado pola Deputación. 

A presenza dun Conservatorio de Danza na capital galega, consideran, favorecería a oportunidade de estudos para a rapazada “do centro-sur da provincia da Coruña e do norte de Pontevedra, debido ás boas comunicacións cos que conta Compostela, e cubriría a demanda actual de estudos profesionais regrados”.