De catro a catro, 90 anos de travesía do silencio

Manuel Antonio

Seica na Galiza sabemos das novidades que se dan no mundo, especialmente no literario, antes que en ningunha outra parte. Ou polo menos iso é o que pensa Augusto María Casas ao facer a crítica, en maio de 1928, para El Pueblo Gallego do libro De Catro a Catro, saído do prelo o 27 de marzo. 

 

El Pueblo Gallego, o que máis espazo dedicou a Manuel Antonio, fai a crónica dous meses máis tarde, recoñecendo a obra como plenamente vangardista. No mesmo periódico aparece en novembro un artigo longo, asinado por A. Vilar Ponte, titulado Los progresos de nuestra lírica, en que De catro a catro volta ser o elemento central da análise. 

 

Seguiron El Pueblo Gallego outros periódicos. El Correo de Galicia, en crónica de Blanco Torres, saúda “a incorporación definitiva das novas correntes literarias” á literatura galega. Mesmo o madrileño El Sol, da man de Díaz Fernández, “crítico castellano de los más cultos y exigentes de España” se fai eco do libro de Manuel Antonio.

 

​Con todo, para Xosé Luís Axeitos, na máis recente das biografías de Manuel Antonio, “a recepción e a crítica da obra de Manuel Antonio non estivo á altura da poesía e do esforzo creador” do autor, seguramente por pesar na súa contra a controversia derivada da publicación do manifesto Máis Alá, coasinado por Álvaro Cebreiro, apoiado por Antón Vilar Ponte e fortemente criticado polos “vellos” da Coruña e Ourense.

 

A pesar das críticas positivas de Augusto María Casas e Blanco Torres, citadas máis arriba, o certo é que os receos e as reticencias que provocou o manifesto publicado en 1922, influíron negativamente na acollida do poemario De catro a catro.

 

Á súa morte, 1930, Augusto María Casas laméntase da incomprensión e indiferenza con que os “directores” do renacemento galego contemporáneo acollen a poesía manuelantoniana e El Compostelano escribe: “se fué Manuel Antonio a la gran travesía del silencio”. Será que estas palabras se referen a esa posición de indiferenza e silenciamento “dos vellos” fronte ao posicionamento literario, e tamén político, de Manuel Antonio? Ou será que anticipan a grande travesía do silencio que comezou, para Galiza, apenas seis anos despois coa sublevación fascista e os masacres de agosto do 36?