O Castañazo Rock enche Chantada de música galega nunha das súas edicións máis concorridas
O Castañazo Rock celebra este sábado 1 de novembro o seu día grande. O histórico festival que cumpre 20 anos volve encher Chantada (comarca homónima) da mellor música galega nunha edición que tardará en esquecerse.
O festival abriu as súas portas na sexta feira de 31 de outubro cunha cartel que combinou grupos consagrados e novas propostas da escena musical. Neste sentido, continúa coa liña iniciada hai 20 anos e que converteu ao evento nunha cita ineludíbel da música do país.
A primeira xornada do festival contou coa presenza de Catuxa Salom, seguida de Mondra, The Rapants, Livião de Marrão e Terrae, correspondendo a Yaya DJ animar os cambios de escenario. Na mesma liña, durante a tarde desenvolvéronse os Xogos Bravús, na Praza do Cantón.
As actividades deste sábado 1 iniciáronse ás 11:30 no auditorio da localidade co Ourizo Miúdo, que tivo como atraccións principais Os Jalochos e Xabarín. De seguido, na Praza do Cantón inaugurouse a tradicional Feira de Artesanía.
Os Cantos de Taberna volveron ser un dos pratos fortes da cita. Máis un ano a música tradicional encheu os locais de hostalaría e as rúas da vila do Asma, que nesta edición estiveron, especialmente, concorridas.
A parte musical da xornada deste sábado 1 estara conducida pola Gran Ópera Bravú, presentada por Xurxo Souto e Richi, destacando as actuacións de A Banda da Loba, seguidas de De Ninghures e Baiuca. O feche será o concerto especial A Tralla Final, con Orquestra Bravú Xangai e Rastreros, unha das bandas míticas ás que naceu ligado o evento.
A asociación cultural Castañazo, organizadora do encontro, destaca que o festival mantén o seu carácter comunitario, bravú e reivindicativo, apostando pola música en galego, a autoxestión e o compromiso social.
"Unha homenaxe á musica galega"
Unha das integrantes do colectivo, Ana Lage, explicou esta semana en Nós Diario que o festival "sostense grazas ao público" e manifestou que "nos gustaría que a xente marchase sentindo que formaron parte dunha homenaxe fermosa, tanto ao festival como á musica galega.