A casa natal de Carvalho Calero derrúbase após numerosos avisos

Foto: Artâbria

A caída de boa parte da casa de Carvalho Calero que ficaba aínda en pé é a crónica dunha morte anunciada. Hai máis de dez anos que diversas entidades e asociacións, entre elas a Fundaçom Artábria, viñan reclamando atención para o inmóbel que se apuntalou nalgunha ocasión mais que ás institucións abandonaron cunha ameaza de derrube que agora se cumpre. 

Os temporais dos últimos meses contribuíron mais pouco traballo tiñan xa para botar abaixo boa parte das ruínas do que fora a casa natal de Carvalho Calero, un inmóbel que fora no seu momento mercado polo Concello de Ferrol. A medianeira derrubouse por completo a primeira hora da segunda feira e mesmo houbo que cortar o tráfico na rúa San Francisco, deixando a estrutura da casa nunha situación crítica á espera de informes técnicos que decidan se compre demoler ou aínda se pode soster o esqueleto da vivenda na que viu a luz o escritor no barrio de Ferrol Vello. 

Demanda social e silencio institucional

A Fundaçom Artábria denunciou o desleixo das institucións diante dun derrube que fora amplamente anunciado, coa casa cada vez máis en ruínas e caendo aos poucos. Desde os comezos dos anos 90, Artábria vén homenaxeando a Ricardo Carvalho Calero diante da súa casa natal, aproveitando para reclamar que se implicasen na restauracións o edificio. 

O concello mercou o edificio por 350.000 euros mais nunca se levou a cabo a súa restauración. “A falta de continuidade na iniciativa de recuperaçom desse pedaço do nosso património levou a que agora, quando havia mais 168 mil euros comprometidos para umha atuaçom inicial que nom chegava, o edifício tenha colapsado polo efeito do mau tempo e do seu estado ruinoso”, sinalan desde Artábria. 

“As instituiçons públicas desprezam o património nacional galego, deixando-o esmorecer enquanto desviam fundos milionários para a promoçom da cultura-lixo espanhola”, acusan desde Artábria no que definen como un “triste día” do que consideran máximos responsábeis aos “gobernantes do PP”  ao tempo que fan extensiva a súa denuncia ao estado xeral de Ferrol Vello.