Carmucha VST, a ferramenta virtual de percusión tradicional
O primeiro plugin de música tradicional galega xa é unha realidade. O músico coruñés Carlos Lijó, en colaboración con MOB Studios, presentará en setembro Carmucha VST, unha ferramenta dixital pioneira pensada para achegar a percusión tradicional galega ao mundo da produción musical moderna.
Trátase do primeiro VST creado integramente na Galiza, de uso libre, accesíbel e completamente gratuíto, que permitirá a calquera persoa empregar ritmos de pandeireta, tamboril ou pandeiro directamente desde o seu ordenador persoal.
O obxectivo de Carmucha VST é pór a música tradicional galega ao alcance de todos e de todas. Está pensado tanto para quen queira mesturar ritmos autóctonos con estilos contemporáneos como para profesorado e alumnado que precisen acompañamento rítmico para practicar pasos de baile ou ensinar en aulas. A ferramenta incluirá patróns rítmicos galegos, como muiñeiras ou pandeiradas, listos para arrastrar a calquera secuenciador de audio, ofrecendo tamén opcións avanzadas para personalizar cada golpe a través de controis dinámicos que permiten axustar parámetros como o ataque, o volume ou a duración de cada son. Ademais, integrará efectos como reverb, compresor e ecualización, que facilitarán a súa incorporación en contornas de produción profesional.
Dobre formato
Carmucha VST ofrecerase en dobre formato: por unha parte, como plugin VST compatíbel coa maioría de programas de produción musical; por outra, como aplicación autónoma (Standalone), especialmente útil para escolas de baile ou centros educativos, xa que permite practicar cun acompañamento rítmico galego que pode adaptarse en tempo real á velocidade desexada.
O lanzamento público está previsto para setembro de 2025, coincidindo co inicio do curso escolar e cos festivais culturais do outono. A ferramenta poderá descargarse de forma gratuíta desde a súa páxina oficial. A proximidade do Día da Patria Galega, esta mesma sexta feira, marcou o momento escollido polos seus impulsores para dar a coñecer o proxecto, que nace cunha clara vocación de servizo cultural.
Carmucha VST é un proxecto independente e sen ánimo de lucro, impulsado unicamente "co propósito de pór en valor a cultura galega a través da tecnoloxía". Trátase dunha “homenaxe ás persoas que mantiveron viva a tradición durante xeracións”.