Cándido Pazó estrea 'Memorias dun neno labrego' nunha nova versión teatral: "É deses clásicos da literatura galega que hai que volver visitar"
Un reto coñecido. Non é a primeira vez que Cándido Pazó se enfronta á vertixe que supón adaptar este clásico da nosa literatura que todo o mundo coñece. A súa historia con Memorias dun neno labrego remóntase á súa adolescencia, cando leu por primeira vez o libro de Neira Vilas, mais tamén ao ano 2010, momento no que fai a súa primeira adaptación. Daquela vez non era en forma de obra de teatro, senón de monólogo: “Xa se fixeran achegas doutras ramas artísticas, coma na música, mais consideraba que aínda se poderían facer máis. É un texto con moita transcendencia na consideración colectiva”, declara a Nós Diario. Naquel momento o espectáculo saíu adiante segundo o previsto, mais era preciso, hoxe en día, volver facer unha outra adaptación. Tras o décimo aniversario do pasamento de Neira Vilas en 2015, e despois de 16 anos dese monólogo, Pazó quixo ir más alá, tal e como falara co propio autor da obra: “No seu momento xa falara con Neira Vilas de facer un espectáculo con máis actores e desde un punto de vista dramatúrxico distinto”. A función ten outra adaptación, mais bebe, ademais, de elementos da versión anterior, coma a presenza da terra como a masa nai da enerxía. Calquera persoa que asista "recoñecerá a presenza simbólica da terra", afirma.
A nova versión
Memorias dun neno labrego é, para Pazó, "un clásico" ao que hai que mirar desde "distintas ópticas". Desta vez, a mirada simplista e coral son algunhas das características deste novo enfoque. Se o director o tivese que definir en dúas palabras, estas serían emocional e lúdico. "A primeira impresión é a dun espectáculo emotivo que apela ao sentimento colectivo do mundo rural que nos define en gran medida a todos os galegos, aínda que hoxe en día domine o ámbito urbano". Esta é unha das claves que van atrapar o espectador na obra: un sentimento que todos recoñecemos. A parte máis lúdica entra en escena a través da interacción co público, "unha comunicación directa co público con códigos asequíbeis que calquera que o vexa vai entender".
De igual maneira que a obra de Xosé Neira Vilas é "una historia sinxela de contar e entender", a adaptación teatral segue este patrón. Coa sinxeleza preténdese "mobilizar unha serie de emocións que van desde o mundo tráxico do neno, de desigualdade e inxustizas, a todos os eventos lúdicos e divertidos, coma as festas e encontros, que hai no mundo rural", destaca Pazó.
Para conseguir este obxectivo, o director seleccionou a historia de Balbino, que volta da emigración e visita a tumba onde descansa o seu pai. Deste modo, volve ser neno e desenvolve a súa memoria. As memorias deste novo neno labrego están representadas pola parte máis coral da obra e que forma parte dese sentimento universal. As dimensións que están presentes na obra son os recordos de Balbino e a dimensión do resto de persoas da obra, coma o resto de personaxes, como a súa nai ou o seu tío.
A memoria herdada
Memorias dun neno labrego é unha obra que significa moito para Cándido Pazó: "É deses clásicos da literatura galega que hai que volver visitar". A nivel persoal, comenta que o seu primeiro contacto foi cando era mozo. Daquela, xa recoñecera a memoria herdada do protagonista en si mesmo. "E non porque eu me criara nunha aldea do rural, nin moito menos", di, senón porque a súa familia tiña animais e traballaba o campo. Esta é a memoria herdada da que fala o director e que pretende transmitir coa súa adaptación, "unha memoria colectiva que teña ese impulso emocional, como eu cos meus pais e os meus avós".
Onde ver a adaptación
As funcións comezarán esta quinta feira en Compostela, onde xa está vendido perto de 70% das entradas, e percorrerán todo o país pasando por Vimianzo, Ribeira, Nigrán, Lugo, Rianxo, Monforte, Carballo, Vilalba e O Barco de Valdeorras.