Un caderno para coñecermos 'que se agocha tras a Unión Europea'
A Fundación Moncho Reboiras publica en formato electrónico e descargábel de balde un caderno, da autoría de Manuel Mera e Xabier P. Igrexas, no que se abordan en chave crítica as principais cuestións arredor da UE, o euro e a Troika.
O obxectivo desta obra, de clara vocación divulgativa, é " superar antes de máis a opacidade existente arredor do proceso de construción europea, do funcionamento das estruturas e institucións comunitarias, do impacto das decisións que estas toman -en termos sociais, económicos e tamén de soberanía-, do papel da moeda única e do rol que Galiza xoga dentro deste marco", aseguran os autores no texto de presentación.
Nas súas 32 páxinas tenta ofrecer respostas ás principais cuestións arredor da UE, a moeda única e a Troika
Nas súas 32 páxinas tenta ofrecer respostas ás principais cuestións arredor da UE, a moeda única e a Troika. Aborda tanto as orixes da Unión e do euro, como o funcionamento das institucións comunitarias, a incidencia desta realidade en relación á soberanía dos Estados e dos povos, o rol xeoestratéxico que xoga Europa, o que é a Troika e os seus 'rescates', os tratados de libre comercio trasatlántico ou o papel que Galiza xoga para a UE.
Unha análise que sae do prelo en medio dun crecente debate cuestionador da UE e máis o euro, coa que a fundación pon a disposición do público "como un instrumento que permita ao conxunto do pobo formarse unha idea xeral, con rigor mais tamén cun indisimulado enfoque crítico, de que é o que realmente se agocha tras a Unión Europea".
O caderno foi elaborado como parte dos traballos das II Xornadas Internacionais Comprendermos a Crise, que a Fundación Moncho Reboiras realizou coa colaboración do Concello de Pontevedra os pasados 11 e 12 de abril na cidade do Lerez, baixo o título "Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e Unión Europea".