A Buxaina homenaxea en Vigo as pandeireteiras da illa de Ons
O acto, no que actuarán Acordeireta e Pataghullos, tamén renderá tributo ao acordeonista Cándido Peiteado.
O Grupo Etnográfico A Buxaina de Coruxo, en Vigo, promove este sábado, 5 de abril, a XXXIV edición de A Homenaxe, un acto anual que ten como obxectivo principal dar a coñecer aquelas persoas que, de modo altruísta, souberon conservar e transmitir a sabedoría do baile e da música tradicionais da Galiza. Trátase, afirman desde o grupo, de apreciar a quen soubo “atesourar a identidade do noso pobo”.
Para isto, desta volta os homenaxeados pola Buxaina serán as pandeireteiras de Ons e Cándido Peiteado, acordeonista.
A Homenaxe contará nesta ocasión coas actuacións dos grupos Acordeireta, dúo que presentará o seu novo traballo Baixo os remendos, nós, e Pataghulhos, actual e prometedora formación do Morrazo. Para esta edición, o Grupo Etnográfico A Buxaina regresa ao escenario para deleitarnos coa súa música e baile. E por último, pero tamén importante, será o contista trouleiro Caxoto Díaz o encargado de presentar o acto.
A Homenaxe, previamente chamada Homenaxe ao Gaiteiro, rendeu tributo desde o seu comezo a persoas que bailaban ou tocaban diferentes instrumentos tradicionais, polo que o cambio de nome pretende reflectir esa inclusión, riqueza e variedade que sempre estivo presente no acto.
O acto, que A Buxaina organiza en colaboración co Centro Recreativo Artístico e Cultural de Coruxo (CRAC), decorrerá este sábado no teatro Afundación de Vigo. A homenaxe comezará ás 20 horas e a apertura de portas será ás 19.30 horas.