O blues do pescador volverá soar na Galiza: o folk rock de The Waterboys chega en xullo a Ourense

Actuación de The Waterboys. (Foto: Xavier Mercade)
Sés e Jethro Tull son outros dos prazos fortes do Ou Yeah! Festival, que comeza o 12 de xullo e remata o 11 de outubro. A primeira e a última cita serán en Ourense, con paso tamén por Celanova e Xinzo.

Nace un novo evento musical na capital das Burgas, o seu nome é Ou Yeah! Festival, comezará o 12 de xullo e a través de catro xornadas diferentes en catro localizacións distintas terá duración até o 11 de outubro. Esta nova cita traerá consigo grandes grupos da escena internacional, mais sen esquecer a escena da casa. Todo isto, ademais, acompañado da oferta gastronómica, da man de Cociña Ourense.

É comezará con forza o vindeiro sábado 12 de xullo en Expourense, xa que o cartel estará encabezado por The Waterboys, un grupo moi apreciado na Galiza pola súa mestura da tradición do folk celta coa forza do máis xenuíno rock and roll. A música galega estará representada por Tesouro, así como polo dúo Escuchando Elefantes. Ademais, a cita tamén contará coa actuación de Morgan, unha banda nacida en Madrid en 2012.

The Waterboys é unha banda formada en 1983 polo escocés Mike Scott (Edimburgo, 1958), único membro permanente dun grupo que tivo diferentes formacións de diverso tamaño. Con todo, a súa composición virou sempre ao redor de músicos de Escocia, Inglaterra e Irlanda, e a pesar de nacer en Edimburgo (Escocia), as súas sedes alternáronse entre Dublín e Spiddal (Irlanda), Londres (Inglaterra), Nova York (EUA) e Findhorn (Escocia).

Un dos seus maiores éxitos é The Fisherman Blues, do álbum homónimo de 1988, unha himno á liberdade no marco das presións da vida moderna e unha oda ao mundo mariñeiro que, por motivos obvios, ademais de polas súas notas de folk celta, é unha canción especialmente apreciada polo público galego.

Xa antes o mar protagonizou outro dos temas máis recoñecidos de The Waterboys, con This is the Sea, do álbum homónimo de 1985, unha canción cunha vea celta e mariñeira que a banda leva mesmo no nome, e que fai que os mozos (e mozas) do auga da Galiza que desfrutan da banda sempre foran moitos e moitas.

Tres citas máis, incluíndo Celanova e Xinzo

O 23 de agosto chegaralle a quenda a unha verdadeira referente da música galega, Sés, que actuará no Claustro do Mosteiro de San Salvador, en Celanova (Terra de Celanova). Xa en setembro, a Alameda do Toural, en Xinzo (A Limia), será testemuña dous directos de La Guardia e Habitación Vudú.

E o último prato forte farase esperar, será o sábado 11 de outubro, nunha última xornada que fará as delicias do público dunha banda histórica no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense, cun dos grandes referentes internacionais da historia do rock progresivo, Jethro Tull, a banda liderada polo incansábel Ian Anderson e a súa frauta traveseira.

Jethro Tull é unha banda de rock progresivo británica que se formou a finais de 1967 e segue aínda en activo, o que a converte nunha das agrupacións de rock máis lonxevas. Ademais da súa mestría instrumental e compositiva, as súas influencias do folk rock tamén o fan, ao igual que The Waterboys, un grupo moi recoñecido na Galiza.