Baiuca, Ortiga, The Rapants e Sabela encabezan a cuarta edición do festival EmigraSon en Bruxelas
A música galega volverá conquistar a capital europea coa cuarta edición do festival EmigraSon, que decorrerá o 27 e 28 de febreiro de 2026 e que incorpora o cartel máis ambicioso desde a súa creación. Baiuca, Ortiga, The Rapants e Sabela lideran unha programación que reunirá dez propostas galegas en dúas xornadas repartidas entre as salas La Tricoterie e La Madeleine.
Nacido en 2023 da man da mocidade galega emigrada en Bruxelas, o EmigraSon consolidouse en só tres edicións como un escaparate internacional da creación musical galega e como punto de encontro da diáspora. Na pasada edición superou as 2.000 asistentes, unha marca que a organización confía en bater en 2026. "Cada edición confirma que Galiza non está só onde nace, senón onde soa", sinalan desde o festival, que reivindica unha Galiza global e presente no mundo.
Dúas noites para celebrar a creatividade galega
A programación abrirase a sexta feira 27 de febreiro en La Tricoterie cunha noite dedicada ás novas voces e á diversidade sonora. Actuarán 9Louro, Fer —ex Verto, que ofrecerá o seu único concerto en Bruxelas—, Paloma Paloma e Duendeneta Dilleis. A xornada completarase cunha foliada tradicional da man da ACG A Roda e da Irmandade Galega na Suíza, nun encontro interxeracional que unirá música urbana, tradición e electrónica.
O sábado 28 a festa trasladarase á histórica sala La Madeleine, que volverá acoller as grandes propostas da escena galega contemporánea. Baiuca, un dos proxectos galegos con maior proxección internacional, encabeza un cartel no que tamén figuran o pop eléctrico de Ortiga, a explosión de The Rapants e a personalidade artística de Sabela.
Un festival que mobiliza a diáspora galega
O EmigraSON mantén un forte compoñente comunitario: un terzo das persoas asistentes desprázanse desde Galiza para o festival, outro terzo pertence á diáspora galega repartida polo continente —incluíndo Bélxica— e o resto é público doutras nacionalidades atraído pola música galega. "A nosa maior forza é ver como centos de persoas cruzan Europa para vivir unha fin de semana de música galega. Ese orgullo compartido é o que fai do EmigraSon algo único", destaca a organización.
As entradas sairán á venda o 24 de novembro ás 12 horas, a través de plataformas dixitais. Toda a información estará dispoñíbel na web e redes oficiais do festival.
A cuarta edición conta co apoio da Xunta da Galiza, Turespaña, Instituto Cervantes, Evolta (FINSA), Deleite, Liporca e Aí Falaches, ademais dos eurodeputados galegos Francisco Millán Mon, Nicolás González Casares e Ana Miranda Paz.