O avogado Nemésio Barxa doa os 7.000 libros da súa biblioteca a Viana do Bolo

Biblioteca escolar. Foto: cedida.

Hai décadas que o avogado e membro do consello de administración de Sermos Galiza Nemésio Barxa deseñou un futuro para "eses nenos menores de idade que son os libros". Refírese aos 7.000 volumes que conforman a súa biblioteca persoal e que decidiu doar ao Concello de Viana do Bolo, onde naceu en 1935.
 

"Eu son avogado, e alén de facer testamentos para outros, tamén fixen os meus. En diferentes momentos da vida", explica a Sermos. E estes documentos sempre incluíron un destino para o seu patrimonio bibliográfico. "Hoxe en día, penso que unha biblioteca privada é un egoísmo", engade, "e nin sequera sei se aos meus fillos lles vai interesar". Tamén por razóns ideolóxicas, Barxa concluíu que o sistema público de bibliotecas era a mellor opción.

 

Natural de Caldesiños, a parroquia de Viana do Bolo onde os seus pais eran mestres, Nemésio Barxa axiña deixou o lugar e marchou para Ourense. Porén, o seu centro do mundo ficou en Viana. "Sempre me sentín, vianés malia que a miña relación con Viana non foi moi grande", di, "aínda que sempre volvía nos veráns e alí conservo unha familia postiza". Agora, a Casa da Cultura servirá de acubillo para os seus libros.

 

"A comarca de Viana era moi pechada sobre si mesma", lembra, "case autárquica". O illamento xeográfico tamén afectaba á cultura. Xa con 40 anos recorda asistir a unha obra de tetaro nunha corte. "E os regueifeiros de Viana do Bolo eran os máis rápidos, os máis listos, que eu vin nunca. O alcalde dicíame o outro día que case se perdeu a tradición". Secundino Fernández, rexedor polo BNG, aceptou entusiasmado a doazón de Barxa.

 

Entres os 7.000 libros do avogado e histórico nacionalista hai literatura galega, española e universal, unha ampla colección de volumes sobre arte, novelas contemporáneas con forte presenza do galego e mais do portugués, coleccións completas de revistas como Agália ou Tempos Novos, e unha "moi importante" sección de historia. "Tamén hai refugallo, como en todas as bibliotecas", ri, "libros agasallo, ou que chegan sen que os pidas, pero eu son incapaz de me desfacer dun libro".

 

Este será o legado para a biblioteca municipal de Viana do Bolo. "Non foi unha arroutada", conclúe, "sempre quixen que os meus libros fosen para Viana. E para unha biblioteca pública, que teñen grande importancia e aínda máis no rural".