Avelina Valladares, escritora galega que abriu camiños ás mulleres
Esta quinta feira conmemórase o bicentenario do nacemento da escritora estradense Avelina Valladares Núñez, unha muller a quen este ano o Concello da Estrada dedica o seu Ano Cultural. Co obxectivo de dar a coñecer e pór en valor a súa figura, o departamento municipal de Cultura e GCiencia desenvolveron este sábado unha rolda de relatorios que abordaron distintas vertentes da autora, desde a súa biografía, dimensión poética e produción musical até a súa importancia nos avances das mulleres do seu tempo.
As xornadas 'Voz, rostro e memoria de Avelina Valladares', conducidas pola xornalista Laura Filloy Martínez, serviron para conmerar a figura da autora.
Avelina Valladares naceu o 23 de outubro de 1825 en Vilancosta, na parroquia estradense de Berres, lugar no que faleceu aos 77 anos de idade, en 1902. Criouse nunha familia numerosa ben posicionada economicamente, o que lle permitiu acceder a unha educación cultural, nun momento no que para unha muller era complexo poder acceder a este sector. Porén, como conta Celia Armas, unha das palestrantes das xornadas, nunha conversa con Nós Diario, Avelina tivo unha educación máis básica que os seus irmáns varóns, o máis coñecido é Marcial Valladares autor da obra Maxina oua a filla espúrea.
Na literatura de Avelina Valladares pódense identificar dous xéneros literarios, poesía e ensaio. A súa escrita é divida en dous período da súa vida. Dentro da súa contribución poética a autora denunciou os problemas sociais da súa época como a pobreza ou o éxodo do país, en composición como Ulla, o primeiro poemas rexistrado da autora que foi publicado en 1879 no xornal El Eco de Galicia. Alías, é autora de pezas poetizas como o poema bilingüe Diálogo entre un peregrino que se dirixe a Compostela e un labrego, A pobre orfiña, Miña xoia e Os que emigran.
Pola outra banda, fican as publicacións ensaísticas da autora na prensa do século XIX, como por exemplo a súa colaboración en 1858 co xornal Exposición compostelana, na que Valladares daba consellos sobre botánica e analizaba cales eran os mellores momentos para facer plantacións no agro galego. Como afirmou Armas, era "moi rechamante naquela altura que algo así fose publicado e sobre todo baixo a sinatura dunha muller". Porén, Armas lembrou que "desgraciadamente" moitas das publicacións da autora non se conservan, posto que "ela mesma decidiu destruír toda a súa obra ao pensar que iso era o correcto porque non lle daba valor, dicía que eran uns farrapos invisíbeis". A relatora tamén explicou o que significaba ser muller e escritora en lingua galega no século XIX: "Hai que ter en conta que a finais do século XIX só 3% das mulleres sabían ler e escribir, e se a esa porcentaxe lle lembramos que a maiores había mesmo debates para determinar se as mulleres tiñan dereito ou non á educación...".
Alías, Avelina desenvlvouse noutor eixos culturais alén da poesía, deixando constancia da súas composicións musicais, así como diversos debuxos.
Armas quixo aproveitar a ocasión para facer fincapé na necesidade de "pór enriba da mesa que houbo pioneiras que se enfrontaron a un mundo que non as comprendía en absoluto". Ao considerar que é fundamental visibilizar "o nome destas mulleres que tanto fixeron para que as outras que estamos hoxe teñamos acceso a unha educación en igualdade de condicións con respecto aos homes".