Avelina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid, premios de literatura dramática
Avelina Pérez, Carlos Labraña e Andrea Cid Freire veñen de alzarse coas diferentes modalidades dos tres premios de literatura dramática que convoca bienalmente a Xunta da Galiza co obxectivo de servir de estímulo á creación literaria en galego no eido teatral.
Avelina Pérez repite como gañadora do Álvaro Cunqueiro para textos teatrais -gañouno en 2018 por Ás oito da tarde, cando morren as nais-. Agora, a autora resultou premiada por Incidencia muller pedra, obra que o xurado define como un canto á liberdade individual cunha "enorme carga poética", a partir da que se constrúe “un retrato íntimo da protagonista, ao tempo que se poñen na mesa grandes temas de transcendencia filosófica e social: a alienación, a moralidade social e o papel do individuo fronte a sociedade".
Carlos Labraña tamén recibira o Manuel María de literatura dramática infantil en 2016 por O valo, sobre o drama dos refuxiados. Agora faise coa 13ª edición deste galardón con O carteiro de Ximaraos, ademais de coa 16ª do Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, na modalidade de adultos, con O Faro.
De O carteiro de Ximaraos, valorouse especialmente a súa temática, que aborda "dun xeito sensíbel", e "con profundidade" a situación das crianzas que conviven cun familiar doente e o conflito interxeracional que os separa. En canto a O faro, a acta defínea como “unha peza teatral profundamente evocadora, unha mostra da potencialidade da linguaxe dos monicreques para tratar temáticas duras e de alcance universal".
Finalmente, Andrea Cid Freire foi recoñecida co Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil por Manchea. O xurado destaca a súa capacidade de “xogar a desmontar os tópicos sexistas dos contos tradicionais" para lles dar a volta e reformular os papeis tradicionais a través da crítica social e "cunha linguaxe rica e áxil que mestura humor e elementos fantásticos, cun destacado uso da rima e a eufonía".