Asociacións recorrerán a declaración como BIC do Museo Carlos Maside tras denunciar irregularidades no expediente
A Xunta da Galiza publicou esta terza feira no Diario Oficial da Galiza (DOG) a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada (comarca da Coruña) logo das presións de 31 asociacións e do BNG nos últimos días, pola proximidade de caducar do expediente.
A "primeira valoración" das asociacións, entidades, colectivos e persoas que participaron nesta demanda social, non é positivo e veñen de anunciar que solicitarán acceso ao expediente completo na Xunta e presentarán recurso de reposición contra o contido da declaración publicada polo Goberno galego.
Entre os aspectos que critican está o "cambio do nome do museo", que pasa a chamarse 'Museo Sargadelos Carlos Maside', que a declaración BIC afecte unicamente o edificio e a súa colección de arte, "desbotando a posibilidade de estendelo ao resto do complexo de Cerámicas do Castro", o feito de que "abre a porta a que o museo sexa clausurado con aperturas puntuais" e que na relación de obras da colección aparecen inventariadas 1.447 cando existen fontes que elevan o número a 2.100.
As 31 asociacións adheridas elaborarán un manifesto para a recollida de sinaturas exixindo que se estenda a todo o complexo industrial de Cerámicas do Castro, ao igual que se fixo co de Sargadelos en Cervo (A Mariña).