As guitarras eléctricas van de romaría ao compostelán parque de Belvís

Romaría Pop o pasado ano

Grampoder ou Nouvelle Cuisine son algunhas das dez bandas que participarán este sábado na Romería Pop de Compostela, que tamén contará con zona infantil, venda de camisetas e discos e obradoiros. 

As gafas de pasta tamén son compatíbeis coa tradición das romarías. O mesmo ocorre coas as guitarras eléctricas, as baterías e algún que outro teclado. Xa quedou demostrado hai un ano e todo apunta a que volverá pasar este sábado 15 de xuño, nunha nova edición da Romería Pop, que se celebrará no compostelán Parque de Belvís. 

Múltiples actividades dende o mediodía até a noite compoñen esta edición da peculiar romaría, na que terá un espazo propio o rock galego.

Múltiples actividades dende o mediodía até a noite compoñen esta edición da peculiar romaría, na que terá un espazo propio o rock galego. De feito, entre as dez bandas que compoñen o cartel destaca a presenza de Grampoder, o novo proxecto de Le Roi e Martin Wu, coñecidos sobre todo pola súa etapa en The Homens e que agora din defender “unha sorte de rock portátil, pop campestre, folk psicodélico, punk acústico ou se cadra hardcore comeflores”. O electropop de Nouvelle Cuisine será outro dos reclamos da cita, na que tamén participarán grupos como Unicornibut ou os rockeiros Pedrito Diablo y Los Calaveras. 

A maiores, habilitarase un espazo infantil con actividades moi relacionadas coa música, varios postos de consumicións, celebraranse distintos obradoiros -un de experimentación con Xan Molina e Fagot & Popota (que tamén actúan), outro de instrumentos caseiros ou un de deseño de camisetas rock, entre outros- partidos de fútbol entre partidarios dos Stones contra os dos Beatles, o photocall de Disquecool e tamén se poderán adquirir artesanía, roupa ou vinilos e  en seis postos, un especialmente interesante para os seareiros do rock en galego como é o de Discos da Maquina, onde por exemplo se poderá mercar o primeiro traballo de Grampoder ou o segundo de Das Kapital. Organizado por Desconcierto, todo a partir das 13.00 horas en Belvís.