Arredor das serpes na cultura galega
O tema ao redor das serpes deu e segue a dar para moito, coas súas variantes comúns tamén a todos os pobos en contos e lendas. Asuntos aínda moi vivos na Galiza rural, a pesar de tantos novos mitos. Sobre os mitos e lendas de serpes escribe o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén nunha nova entrega da sección Eira das Mouras. Eis un extracto da peza publicada no número 316 de Sermos Galiza.
En todas as partes se lle ten respecto e se lle considera ruín, tamén no agro, onde se convive con ela. Será polo seu enigma e quizais pola educación bíblica recibida: desde a Xénese tida como animal maldito por aquelo da perda do Paraíso... até a Apocalipse coa besta híbrida, a “Serpe das Sete Cabezas” e dez cornos que representa o goberno dos imperios, con nome e número, o 666... Serpes asociadas cos caxatos ou esotéricas varas máxicas de Moisés ou a do seu irmán Aarón, coas que tanto abren fontes, camiños, como as fan florecer ou se converten en temidas serpes... como o caduceo de Esculapio, o que se dicía feito de rama de oliveira e sobre no que se enreda a serpe para pasar a ser símbolo da Medicina, como esoutro caduceo, o do grego deus Mercurio, Hermes na mitoloxía romana, este entre dúas serpes enfrontadas en simetría como símbolo do Comercio, dos buscamundos: prudencia e saúde que cómpre para os camiños do negocio.
[Podes ler a peza íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]