'Arima', de Jaione Camborda, inaugura o festival Novos Cinemas
A primeira longametraxe de Jaione Camborda inaugura a vindeira edición do festival Novos Cinemas de Pontevedra, que terá lugar de 10 a 15 de decembro. Para alén desta proxección, a cineasta participa activamente noutras actividades do proxecto, co que está implicada desde hai anos.
A cuarta edición do festival pontevedrés Novos Cinemas, programado de 10 a 15 de decembro, acollerá no seu acto inaugural a proxección de Arima, a primeira longametraxe de Jaione Camborda, da que xa ofreceu un adianto na pasada edición, dentro da sección Encontros. O filme que presenta estrearase ademais no Festival de Cinema de Sevilla, o vindeiro domingo 10 de novembro. A cineasta, ligada a Novos Cinemas dende o nacemento do evento, lidera na actualidade a formación “Habitar un rostro / O xesto dun encontro”, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, na que explora “a idea de relato na súa acepción máis ampla”.
Jaione Camborda (Donostia, 1983) estudou nas Escolas de Cinema de Praga de Múnich antes de se trasladar a Galiza e fundar Esnatu Zinema, produtora coa que desenvolve diversas pezas experimentais en celuloide. Partindo dun enfoque etnográfico, a súa obra reflexiona sobre a relación do ser humano co animal, sobre a violencia e sobre o atavismo. Ademais, ten colaborado como guionista e directora de arte en numerosos filmes nos últimos anos, como Os fenómenos (2014), Las altas presiones (2015) ou Tempo vertical (2017).