'O que arde', premiado de novo, esta vez na China
08 de decembro de 2019 (19:45 h.)
O que arde, de Oliver Laxe, faise co Coco de Ouro no Festival Internacional de Hainan.
O que arde, de Oliver Laxe, vén de recibir o Premio do Xurado no Festival Internacional de Hainan. O equipo ao completo viaxaba a China para acudir ao festival, no que competían polo chamado Coco de Ouro con outros doce filmes.
O xurado estivo presidido pola francesa Isabelle Huppert, que entregou o galardón ás integrantes do equipo de O que arde.
Esta nova súmase aos xa case incontábeis recoñecementos que está a recibir o filme a nivel internacional. Chega, ademais, pouco despois de coñecer a nominación da longametraxe a catro categorías nos premios Goya: mellor película, mellor director, actriz revelación e dirección de fotografía.