"Aqueles que non soñan máis que cando dormen", por R. Moragh Rodríguez Craven
A velliña vive nunha casa feita de pedra e algún que outro óso de balea.
Hai anos que vive soa. Antes vivía na casa do Ventorrillo diante da fábrica de armas, que tiña cinco pisos e só dende o quinto se podía ver o mar; a casa na que vive agora ten mar a cada lado e diante está o cruceiro. Vive soa, pero nunca solitaria. A fiestra da cociña sempre está aberta, e xa se converteu en algo así como o centro social da vila; a casa, convenientemente, sitúase ao final da rúa, alí onde rematan todos cando se adentran nela.
Nos últimos anos da guerra, hai tantos anos que xa non o recorda nin Deus, o seu tío marchou polo mar a Francia. Non foi o único que marchou; moitos viron como chegaba a miseria e a represión e tentaron fuxir dela. Por iso lles chaman os fuxidos. Os fuxidos marcharon todos con soños que vían espertos. "Denantes mortos que escravos!", dicían. Algúns dos que quedaron dicían que máis que soños tiñan paxaros na cabeza; algúns dos que quedaron tiñan pouco bo que dicir dos fuxidos.
A velliña aínda vive en espera do retorno do seu tío. Cando fuxiu ela era unha nena tan cativa que case non o recordaba; cando fuxiu era el o que tiña paxaros na cabeza; agora os paxaros viven na casa feita de pedra e algún que outro óso de balea. Dende que fuxiu non houbo novas del. A velliña sabe do tío máis polos contos da nai que por recordos propios. A velliña le o xornal tódolos días para ver se por algunha parte aparece o nome do tío Paz, que marchou para Francia nos anos da guerra para se buscar a vida. A velliña non sabe máis do tío Paz, ou non o recorda, ou non o quere recordar.
….
Un día chegan á vila dous homes que nin Dios na vila coñece. Van vivir os dous na casa do Ventorrillo, que ten diante a antiga fábrica de armas, que ten cinco pisos e só dende o quinto se pode ver o mar. Todos os da vila chámanlles os Marroquís, porque son de fóra e teñen a pel morena e falan entre sí nunha lingua que nin Deus na vila entende. Xelucho, que vive ao lado do restaurante e seica viaxou moito despois da guerra, di que se parece ao que escoitou en Marrocos. Ninguén sabe se o que di é de fiar, pero ninguén viaxou máis que Xelucho.
Os marroquís veñen en busca de traballo. Segundo lles dixeran, a vila é unha vila mariñeira, e as vilas mairiñeiras sempre teñen lugar para algún que outro mareante máis. E van traballar no Novo Castelao, coidando das redes.
Hai anos xa que os marroquís chegaron ao país, segundo lle contan a quen lles pregunte. Son homes honestos e bos traballadores, pero silenciosos, ninguén sabe moi ben por que. Os Marroquís non son marroquís, senón que veñen da Alxeria, deixando atrás represión e miseria, como os fuxidos. Teñen familias e fillos na casa, que necesitan de cartos; cando saíron da Alxeria ían con soños detrás dos ollos e paxaros na cabeza. Soñaban que a vida no país ía ser mellor, se non máis sinxela: ían ter cartos e ían poder mandalos para a casa. Levoulles anos chegar ata a vila, incluso xa dende dentro do país. Non contan abertamente que ocorreu nese tempo. O único que se sabe é que chegaron con moitos menos paxaros na testa que cando saíron do seu fogar.
….
O tío Paz tamén chegou a Francia con menos paxaros dos que levaba cando fuxiu. Non tiña fillos, nin muller, nin moza, pero tiña unha irmá que quería con todo o seu corazón, que tiña unha filla que, por extensión, era a luz da súa vida. Cando chegou a guerra tivo medo; el non era deses que apoiaba os vencedores. Marchou coa idea de mandar cartos para casa, para que a sobriña puidese ter unha educación en condicións, non como a que tivo el. Era case o final da guerra cando fuxiu. Moitos pintárono de covarde.
Na Francia non todo era como pensaba que ía ser. Intentando fuxir da miseria chegou a máis do mesmo; correndo da represión atopou outra máis forte.
A guerra tamén chegou a Francia, e o tío Paz xa non tiña onde fuxir. Tampouco tiña forma de mandar nin cartos nin novas á súa irmá. Tampouco tiña forma de volver á casa feita de pedra e algún que outro óso de balea, onde deixou a luz da súa vida. Pouco a pouco tódolos paxaros foron morrendo, un a un.
….
A velliña aínda é propietaria desa casa no Ventorrillo que ten cinco pisos, e só se ve o mar dende o quinto. Ten moito contacto cos chamados Marroquís (que agora se coñece que se chaman Mustafá e Mohammed, e que agora se lles chama Musta e Moha por cariño e por brevidade) por esa razón. Ela ve como traballan e como lle pagan o que deben e como aforran os cartos para mandalos de volta á casa e como falan entre si e como rin e como cociñan e como comen e como dormen pensando nas familias que deixaron na Alxeria. Mustafá e Mohammed non viviron sempre do mar. Mustafá foi médico durante anos na Alxeria, pero con todos os papeis que tivo que pedir e cubrir e firmar e mandar de volta para que os selasen en Alxeria e que os mandasen de volta só para poder vivir e traballar no país, non se podía permitir máis tempo nin esforzo para intentar que o país recoñecese as súas cualificacións médicas. Mohammed viviu da mecánica, e ten un fillo que ten dezanove anos e que busca facer enxeñaría na universidade. Mohammed traballa para a educación do seu fillo.
….
A velliña pouco a pouco vai recordando máis do que lle dixo súa nai sobre o tío que marchou a Francia para escapar da miseria e da represión. A nai dixéralle que o tío Paz queríaa moito, aínda que fuxise pola guerra; dixéralle que marchara para poder mandar cartos de volta e darlle a ela unha boa educación. A velliña recorda canto quere ao seu tío Paz, aínda que non o coñecese.
A velliña pouco a pouco vai recordando máis do que lle dixo súa nai sobre o tío que marchou a Francia
A velliña comeza a ver nos algunha vez chamados Marroquís (que agora se sabe que son de Alxeria) ao seu tío. Os tres marcharon fuxindo da miseria; os tres quixeron darlle mellor vida aos que deixaron atrás; os tres, nalgún momento, non foron quen de soñar máis que cando durmiron.