'Ansiedade e esperanza na nova cultura': expertas analizan a influencia do capitalismo sobre a actividade cultural
A xornada formativa Ansiedade e esperanza na nova cultura, que decorreu esta terza feira na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) en Compostela, tivo como obxectivo reflexionar e sensibilizar sobre os problemas que caracterizan o momento actual, especialmente no que se refire ás implicacións que ten o capitalismo nos traballos creativos do ámbito da cultura.
O programa foi coordinado e moderado pola xestora cultural e xerente da Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi), Uxía Caride, e contou coa participación de tres mulleres: Remedios Zafra (escritora e ensaísta), Iria Veiga (psiquiatra) e Marga Tojo (xornalista, escritora e comunicadora).
A través das súas intervencións, estas expertas exploraron os retos que impón o sistema capitalista no mundo cultural, atendendo especialmente á saúde mental e o benestar dos e das profesionais do sector.
As xornadas foron promovidas pola Comisión Técnica Temporal de Xestión e Políticas Culturais do Consello da Cultura Galega e enmárcanse nos obxectivos de dereitos culturais e políticas culturais. A súa finalidade é fomentar a reflexión sobre a sociedade actual, mellorar a saúde mental e garantir o dereito de acceso á cultura, estimulando o desenvolvemento do pensamento crítico e a capacidade analítica.
As conferencias
O programa da xornada incluíu unha conferencia central titulada 'O exceso da vida contemporánea', a cargo de Remedios Zafra, na que se analizaron os efectos do ritmo acelerado e a sobrecarga de información na sociedade moderna, para destacar como este exceso repercute na vida persoal e colectiva.
A continuación, o CCG albergou unha mesa de relatorios que comezou coa intervención de Marga Tojo, quen, en 'Desinformación e ansiedade colectiva', abordou como a desinformación e a manipulación mediática contribúen á ansiedade social e á polarización, alterando a percepción da realidade e xerando un clima de inestabilidade emocional.
Finalmente, foi a quenda de Iria Veiga, quen na conferencia 'A saúde mental no mundo cultural', centrou a súa reflexión nas particularidades da saúde mental no sector cultural para analizar as presións que afectan os e as profesionais deste ámbito e propor posíbeis solucións.