Ángeles Huerta gaña no Festival de Sitges o I Premio Josefina Molina de Guión de Fundación SGAE

Ángeles Hiuerta en Sirtges. (Foto: SGAE)
Coa súa obra ‘Lampreas’, seleccionada entre 31 propostas internacionais, recibe o recoñecemento ao mellor texto de autoría feminina para longame-traxe de xénero fantástico.

A cineasta e guionista Ángeles Huerta é a gañadora do I Premio Josefina Molina de Guión de Longametraxe Fantástica de Autoría Feminina coa súa obra Lampreas. Este novo galardón, creado por Fundación SGAE e o Sitges - Festival Internacional de Cine Fantástico de Catalunya, nace co obxectivo de dar voz e visibilidade ás guionistas dentro dun xénero aínda fortemente masculinizado. O premio ten unha dotación de 10.000 euros. 

Ángeles Huerta (1974), nacida en Xixón, desenvolve a súa carreira profesional na Galiza. Estabelecida na Coruña, dende aquí deu forma a películas como Esquece Monelos ou O corpo aberto e Antes de Nós, que lle proporcionaron prestixio e numerosos recoñecementos. Tralo anuncio deste premio, a cineasta expresou que é “unha alegría enorme. Son consciente de que o nivel das autoras de fantástico en España é cada vez máis alto. E non me estraña. O cine de xénero é o máis libre e o máis disruptivo, é normal que moitas o elixamos como forma de expresión. Ademais, encántame a idea de reivindicar unha estirpe de creadoras neste ámbito específico, mulleres que xa exploraron o sinistro cotián, unha corrente subterránea que agora comeza a saír á luz”.  

O xurado sinalou este guión “pola súa orixinalidade e calidade literaria dentro do xénero fantástico, así como por construír unha historia na que o trazo feminino ten unha importancia singular, explorando conceptos como o corpo e a cualidade do monstruoso”.

 Lampreas impúxose entre 31 guións orixinais presentados, procedentes de España e Iberoamérica, o que confirma o interese e a necesidade de abrir novos espazos para a creación feminina no ámbito do cine fantástico.  

Huerta durante a entrega do premio. (Foto: SGAE)

A proclamación do veredicto tivo lugar no marco do programa Woman in Fan do certame cinematográfico, durante a mesa redonda Elas escriben, elas dirixen: Novos talentos femininos no cine fantástico. Nesta se-sión participou a propia Huerta, xunta Inés París, guionista, directora e vicepresidenta da Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE) polo Colexio de Audiovisual; Mònica Garcia i Massagué, directora xeral da Fundación Sitges, e Ángel Sala, director artístico do festival e membro do xurado do Josefina Molina. 

O galardón rende homenaxe á figura da pioneira Josefina Molina, directora e guionista de Vera, un cuento cruel (1973), e nace con vocación de continuidade en futuras edicións. 

O cine de xénero feminino, a resposta a unha vulnerabilidade real

Huerta tamén reflexionou sobre o papel da muller no fantástico e a importancia da súa ollada singular: “O cine de xénero feminino é a resposta a unha vulnerabilidade real. Hai unha experiencia do corpo e da familia que é radicalmente feminina e que constitúe un terreo fértil para o fantástico. A sociedade aínda te coloca nun lugar distinto, que xera outras perspectivas. Hai unha estética e unha erótica propias, porque temos unha experiencia do corpo —e unhas fobias— diferentes ás masculinas. Por outra banda, penso que vir da periferia tamén achega algo. Está claro que só podemos aspirar a contar historias universais dende o radicalmente particular”. 

Preguntada nunha entrevista con Fundación SGAE sobre a súa motivación para presentar Lampreas ao premio, Huerta explicou que a convocatoria chegou nun intre clave do seu proceso creativo: “Xa estaba traballando na idea da película antes de que convocaran o premio, pero, obviamente, un galardón destas características animoume a baixar todas esas ideas a terra. O feito de que o Festival de Sitges fose unha das entidades convocantes empuxoume a probar, malia todas as dúdidas e inseguridades. Coido que é moi importante dar visibilidade a un proxecto coma este, nun lugar como Sitges, que é a meca á que todos os fans do xénero aspiramos a acudir”. 

Xurado e entrega oficial do galardón

O xurado do I Premio Josefina Molina de Guión de Longametraxe Fantástica de Autoría Feminina esti-vo integrado por María Adell, docente e crítica de cine; Violeta Kovacsics, historiadora e crítica de cine; Elisa Puerto, guionista e script doctor; Ángel Sala, director artístico do Festival de Sitges; e César Sodero, cineasta e gañador do XIX Premio SGAE de Guión Julio Alejandro. 

Con esta iniciativa, Fundación SGAE e o Festival de Sitges reafirman o seu compromiso de xénero, coa igualdade de oportunidades e a excelencia creativa, cunha ollada máis plural e inclusiva dentro do universo fantástico. 

Sobre ‘Lampreas’

 Nun mundo postcolapso, Eugenia é sometida a atroces tratamentos de fertilidade para dar un herdeiro ao seu marido. Armando, dono dunha rudimentaria empresa farmacéutica, está obsesionado con ter descen-dencia. A chegada dun atractivo mariño mercante, Telmo, coincide coa aparición dunha serie de cadáveres aparentemente desangrados por unha lamprea xigante. Eugenia, dividida entre o terror e o desexo, atopará nestes crimes a oportunidade de descubrirse a si mesma.