Amaia enche o Coliseum ao berro de “Altri Non!”
Amaia enchía este sábado o Coliseum da Coruña ao berro de “Altri Non!”. A cantante de Iruña, unha das artistas máis escoitadas no Estado español, amosou durante a súa actuación na cidade herculina o seu rexeitamento á celulosa proxectada no concello de Palas de Rei (A Ulloa). Fixo após de que os asistentes ao concerto principiaran o cántico “outra si, Altri non!”. Unha reclamación á que artistas non tardou en unirse.
As palabras de Amaia viñeron após de interpretar xunto con Aliboria a súa canción ‘Aralar’. No seu momento o tema da artista tivo que enfrontarse a unha gran polémica ao empregar a base musical de ‘Caroi’, peza emblemática de Xose Lois Romero e Aliboria. Foron os seguidores de Aliboria quen primeiro advertiron a coincidencia: un patrón rítmico case idéntico, construído sobre a mesma estrutura de percusión vocal e acompañamento minimalista. A polémica medrou até o punto de que, poucas horas despois, o propio Xosé Lois Romero confirmou nunha publicación nas súas reces sociais que o equipo de Amaia "sampleara" un ritmo de "Caroi" para usalo como base de toda a canción. O concerto deste sábado serviu non só para pedir desculpas polo seu erro, senón tamén para recoñecer e pór en valor o grupo galego.
As reivindicacións públicas sobre problemáticas sociais son un feito común na traxectoria de Amaia. Esta mesma semana a artista participaba nun evento solidario no Palau Sant Jordi (Barcelona), organizado a por 'Art X Palestine', cuxo obxectivo principal é recadar fondos que irán destinados a organizacións de axuda humanitaria en Gaza.