Alumnado de toda Galiza celebra o Día da Poesía recitando Rosalía e Manuel María

Participantes no certame nas categorías de primaria (Foto: Nós Diario)

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, acolleu o concurso de recitado, dun "nivel altísimo que puxo moi complicado o veredito do xurado".

A Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, festexou esta fin de semana o Día da Poesía coa sexta edición do concurso escolar de recitado poético da obra de Rosalía de Castro e Manuel María con alumnado de distintos lugares de Galiza.

O certame, que leva por título Rosalía sempre viva, desenvolveuse en dúas sesións, de mañá e de tarde, na xornada do sábado, e contou cunha importante participación, con números superiores a pasadas edicións organizadas antes da pandemia da Covid.

"O alumnado participante, de entre os 6 e os 18 anos, realizou un excelente concurso cun nivel altísimo que puxo moi complicado o veredito do xurado", segundo sinalaron desde a Casa-Museo Manuel María.

Os premiados segundo as categorías foron:

-1ª categoría (1º, 2º e 3º de primaria): Lara López Vázquez, CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema “O carro” de Manuel María.

-2ª categoría (4º, 5º e 6º de primaria): Carla Sánchez Lamas do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema “A fala” de Manuel María.

-3ª categoría (Educación Secundaria): Sara Martínez Quindimil do CPI de Xanceda (Mesía), polo recitado do poema “Castellanos de Castilla” de Rosalía de Castro

-4ª categoría (Bacharelato e Ciclos Formativos): Noelia Fernández Romero do IES Félix Muriel de Rianxo, polo recitado do poema “Silencio” de Rosalía de Castro.

Tamén recibiron unha mención honorífica Iago Gayoso López, na categoría 1ª, do CEIP Menéndez Pelayo de Lugo, polo recitado do poema “Rosas” de Manuel María; na categoría 2ª, Manuel Pedreira Syeiro, do CEIP Anexo-A Lomba de Vilagarcía de Arousa, por “Canto ao idioma galego” de Manuel María; na categoría 3ª, Sara López Ramudo, do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba polo recitado do poema “Campana de Bastabales”; e na 4ª categoría, Mauro Docampo Gacio, do IES Martaguisela do Barco de Valdeorras, polo poema “O cedro da horta da Casa de Hortas”, de Manuel María.

Clicando nesta ligazón poden ser descargados os vídeos cos recitados gañadores.