Alonso Montero confirma a súa candidatura, crítica co legado de Ferrín

Alonso Montero e Rosario Álvarez nun acto do CCG

Xesus Alonso Montero, de 85 anos, vai concorrer como candidato á presidencia da RAG. Confirmouno en declaracións á axencia Europa Press. Representa o sector crítico con Ferrín. Fai dupla con Rosario Álvarez (1952). Tamén irá na súa listaxe o teólogo Torres Queiruga (1940).

 

O catedrático de Literatura Xesús Alonso Montero, autor do célebre Informe Dramático sobre a Lingua Galega (1973), vai ser finalmente o candidato do sector da Real Academia Galega que mantivo durante meses un soterrado confronto con Ferrín.

O conflito polo control da RAG acabou por precipitar a marcha dun Ferrín moi tocado polo escándalo da contratación de familiares por parte do núcleo duro da RAG que el propio lideraba. O escritor ourensán abandonou o seu cargo -e até a súa vitalicia condición de numerario- sen dar ningunha explicación pública perante as acusacións de nepotismo deitadas contra el.

Si que atacou con dureza, como tamén o fixera o secretario da RAG, Xosé Luís Axeitos, agora presidente interino, a sectores "externos", mas tamén "internos" que, ao seu xuízo, puñan en risco a propia entidade. Aludía así ás e aos académic@s nucleados arredor do ILG e do Consello da Cultura Galega, aos que imputaba a intención de mesmo desintegrar a RAG no magma dunha fusión das institucións científicas galegas que laboran no eido da lingua e da cultura do país.

Alonso Montero defrontará a candidatura de Manuel González, do sector ferriniano.

Rosario Álvarez perfílase como a persoa forte da candidatura do sector crítico con Ferrín

A información que ten recollido Sermos Galiza permite afirmar que a persoa forte da candidatura crítica con Ferrín é Rosario Álvarez, aínda directora do Instituto da Lingua Galega, a quen algúns sectores mesmo quixeron promover como candidata á presidencia (de igual xeito que os ferrinianos vían ben a candidatura de Margarida Ledo).

Críticos e ferrinianos concordan nunha cousa: en acelerar os trámites de escolla da presidencia (o prazo desde a formalización da demisión de Ferrín era 3 meses) visando que a institución volte a ter cabeza visíbel para poder presidir os actos do 17 de Maio.

Nas súas declaracións a Europa Press, Alonso Montero declárase "marxista" [é coñecida a súa histórica vinculación co Partido Comunista de España] e desbota calquer hipótese de fusión da RAG co Instituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega. Porén, si manifesta a súa inclinación por que a RAG se coordene mellor co ILG e co CCG.

Sermos Galiza, no seu número 39 en papel, xa adiantara no seu día a hipótese de o sector crítico impulsionar unha candidatura formada polo profesor Alonso Montero e a, agora, ex-directora do ILG, Rosario Álvarez.