Alicia Fernández faise co Fiz Vergara Vilariño de poesía

[Foto: AELG] Alicia Fernández

A poeta Alicia Fernández gaña a XIX edición do Premio Fiz Vergara Vilariño coa obra Mamá Pelicano, da que o xuri destacou a perspectiva descarnada sobre a maternidade e a familia.

Mamá Pelicano, de Alicia Fernández, presentado baixo o lema A escena ábrese ante un público inexperto, recibe o premio Fiz Vergara Vilariño. Alén do recoñecemento, o galardón inclúe a publicación da obra pola editorial Espiral Maior e un premio en metálico de 6000 euros.

O xuri estivo composto polas escritoras Lara Dopazo, Xosé María Álverez Cáccamo e Miriam Ferradáns, coa concelleira de cultura de Sarria, Reyes Abella, e a presidenta de Ergueitas, María Casar. Na súa escolla, as cinco integrantes destacaron por unanimidade o “tratamento da familia e a maternidade desde un punto de vista descarnado” que presenta o poemario. Así mesmo, o fallo do premio fai fincapé na unidade do conxunto cunha “concatenación de imaxes sorprendentes e impactantes”, que se enlazan nun mundo de gran riqueza simbólica atravesado pola “perspectiva feminista transversal”.

Alicia Fernández, nada en Escairón (O Saviñao) en 1987, estudou filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela. É autora do libro Botar o mar polos ollos (2005), e figura en varias obras colectivas como Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003), No seu despregar (2016) ou 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017). Así mesmo, publicou poemas en revistas literarias como A caramuxa, A ciegas, Dorna e Xistral.

A galardoada xa ten no seu currículo outros recoñecementos entre os que destacan o Premio de poesía Francisco Fernández del Riego, o Premio de poesía Francisco Añón e o Premio de poesía Díaz Jácome.