Alfredo López, Tokio: “O debuxante precisa facer ilustracións con bisturí”

Tokio

O debuxante Alfredo López, Tokio, presenta en Viñetas desde o Atlántico (sábado 9 ás 13: horas ademais de distintos espazos de sinatura de exemplares) a súa segunda novela, A causa do crime (Demo Editorial). 

- A causa do crime, a súa nova novela gráfica, remite ao Vigo dos oitenta. Como nace a historia?

Trátase dunha historia pensada e debuxada no 87 á que só lle fixen cambios. É unha historia policiaca ambientada na cidade de Vigo, nun entorno urbano no que coinciden cuestións musicais, sindicais e políticas que se vivían naquel momento. 

-O primeiro cadriño é un concerto de Siniestro Total de 1984 e o libro conta con banda sonora. Que papel xoga a música nesta obra de banda deseñada?

Comeza cun concerto de Siniestro e remata con outro dos Resentidos. Mais non é un retrato do Vigo da movida senón do que se vivía na cidade naquel febreiro de 1984 previo á primeira manifestación que o sindicalismo galego fixo en solitario. A reconversión naval vívese con intensidade. A música está moi presente e, de feito, o libro levará un enlace para acceder aos temas que son case a banda sonora da historia. 

-Vostede é testemuña en primeira persoa dese tempo?

Naquel momento estaba publicando en revistas e quixen facer unha historia máis longa. Decidinme polo xénero policíaco ambientado no que estaba vivindo entón. Non tiña daquela unha participación política e sindical intensa porque estaba estudando mais convivía con todo aquilo. Tense falado sectorialmente e eu quería representar o conxunto da cidade. Podería facer unha historia só sindical ou política mais trato de recoller a fotografía múltiple da cidade nese momento. Estábase a construír non só no cultural senón tamén sindical e político. 

-Daquela os proxectos parecían agromar por toda parte e desde hoxe dá a impresión dunha grande enerxía, con grupos poéticos, musicais, nas artes plásticas...

Deuse unha grande positividade. A primeira exposición de banda deseñada, poño por caso, fíxose nese 84 en Artes e Oficios. Logo desapareceu mais seguiu en Ourense e naceron iniciativas como o Frente Comisario e moitos autores que veñen daquel tempo. Moitas cousas que están en marcha agora tiveron alí o seu inicio. 

-Estaba xa naquela primeira exposición?

Estaba. No Colexio Universitario de Vigo fixéramos unha exposición pegando debuxos nas paredes e tivo repercusión. De repente, un profesor de Artes e Oficios foi a vela e organizou a mostra con dez ou doce autores. 

-A súa idea era entón dedicarse profesionalmente á ilustración? 

Na Universidade comecei a traballar en ilustración científica. Tiven unha bolsa e participei no catálogo de fauna ilustrada do Museo Científico de Madrid. As opcións de publicar banda deseñada eran moi limitadas. Só A Nosa Terra sacaba unha páxina de banda deseñada, mais non había máis. Os fanzines desapareceran. 

-Esa tradición síntese na súa outra novela, Cabana de Balieiros, impregna a súa obra?

Alí recollera unha serie de experiencias, do estudo de mamíferos mariños... Esta, aínda que saia agora, é anterior. O meu interese na ecoloxía vese reflectido e supoño que continuará no futuro. 

-Que posibilidades ofrece a banda deseñada para transmitir ideas?

Como medio de expresión, infinitas. A min interésame porque podo contar e ilustrar a historia. Outros traballan con guionistas mais non é o meu caso. Permite que o público se achegue a estes discursos. 

-O seu cadriño forma parte de Sermos Galiza desde o inicio. Que supón esa presenza no xornal? 

Empecei en A Nosa Terra a publicar en xornais. A tradición existe desde hai tempo. A xente ía ver a prensa para atopar o debuxo de Castelao e el xa sigue unha tradición que existía. Os debuxantes e humoristas na prensa teñen carácter revolucionario, mesmo algúns, como na Alemaña nazi, foron asasinados. Teñen que aportar ese revulsivo. O debuxante precisa facer as ilustracións con bisturí, plasmar a realidade e que o público se sinta incómodo. Cando abres o xornal provoca un impacto inmediato, máis que o texto. 

-Proxectos como Demo, El patito ou Garaxe Hermético falan dun bo momento do xénero?

Se o comparamos co pasado é moito mellor. As persoas que faciamos antes banda deseñada eramos heroes. Agora hai máis autores, escolas de formación gráfica... A banda deseñada sobreviviu polo impulso dos creadores e a existencia case suicida dalgúns editores.