Aleixandre Lago Gaña o V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán
O poema 'Meditación sobre Patinir' faise co galardón, entregado nun encontro que puxo en valor o legado de Yosso.
Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) resultou o gañador do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado pola Fundación que leva o nome do poeta do Córgomo. O premio foi desvelado este sábado 26 de outubro nun encontro decorrido no Bolo (Valdeorras) e ao que acudiron tamén os outros poetas finalistas, Daniel Barral e Benjamín Vidal.
Os tres autores tiveron ocasión de recitar os seus poemas nun evento conducido polo actor e músico valdeorrés Paco Campos e no que tamén interveu o músico Raúl Diz, membro do xurado.
O autor premiado cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica. Colaborou como tradutor e axudante de dirección na compañía Teatro do Atlántico. Como escritor, xa resultara finalista en dúas edicións do Premio de Poesía Díaz Jácome. Tamén ten publicado o libro Cartafol de Miraxes, gañador do XXIV Certame Literario de Vilalba no 2018.
Sobre a súa obra Meditación sobre Patinir o xurado destacou que é un gran poema, tanto a nivel estético como formal, polo ton épico da linguaxe poética, cun forte poder de evocación da paraxe pictórica.
Música, poesía e arte
A música e a poesía foron os principais ingredientes da cita no Bolo, mais non os únicos, xa que a xornada comezou no Museo Yosso, onde os asistentes puideron desfrutar dos cadros do tamén poeta, quen asinaba os seus versos como Xosé de Balbuxán. Alí, a súa irmá Marina Porto ofreceu unha visita guiada conversando con Aurelio B. Trincado, presidente do Instituto de Estudos Valdeorreses, quen puxo en valor a conexión que había entre Yosso e Florencio Delgado Gurriarán. Tras esta parada, o evento trasladouse ao castelo, onde se entregaron os premios.
A celebración desta gala no Bolo enmárcase dentro da estratexia da Fundación de extender a súa acción a toda a comarca tendendo pontes entre diferentes expresións artísticas e territorios. De feito, a súa directora, Débora Álvarez Moldes, destacou que a Fundación representa a aposta pola cultura e a lingua "como ferramentas para cultivar a nosa autoestimae nos proxecte cara o exterior". Así mesmo, agradeceu o seu apoio aos Concellos que xa teñen un acordo de colaboración coa Fundación: O Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín, O Bolo e Larouco, e animou aos que o están valorando para que a nova institución sexa unha fronte común da acción cultural de Valdeorras.