En Guitiriz

Uns frescos do século XVI únicos na Galiza, en risco de desaparición

Frescos da igrexa dos Vilares

A asociación Lareira de Soños dos Vilares demanda á Xunta e á Deputación de Lugo que acorden a fórmula para a restauración das pinturas murais do século XVI que alberga a igrexa de San Vicenzo dos Vilares, en Guitiriz, en risco de desaparecer polo avance do seu deterioro.

As pinturas ao fresco descubertas en 1991 na igrexa de San Vicenzo dos Vilares, en Guitiriz, contan con máis de 500 anos e son un valor único na Galiza pola súa singularidade, mais están en risco de desaparición debido ao seu avanzado deterioro.

Desde a Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares chaman a atención sobre a falla de actuacións por parte das institución públicas que garantan mantemento dos frescos

Así o denuncian desde a Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, chamando a atención sobre a falla de actuacións por parte das institución públicas que garantan o seu mantemento.

Os frescos continúan a ser danados con rozaduras de bancos, humidades e outras causas ambientais “até tal punto que teñen sido incluídos pola súa importancia e pésima conservación nas listas vermellas do patrimonio na Galiza e no Estado”, sinalan desde a asociación.

Estas pinturas representan a Lamentación sobre Cristo Morto, o apóstolo Santiago e elementos paisaxísticos e xeométricos comúns a outras pinturas ao fresco na Galiza, unha delas, a Imposición da Casulla a San Ildefonso, é única no país.

Desde Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares lembran nun comunicado aos novos gobernos da Deputación de Lugo e do concello de Guitiriz a existencia dun acordo do ano 2017 que fica aínda sen cumprir e que emanou da comisión de Cultura do Parlamento Galego para restaurar as pinturas murais do século XVI que alberga Guitiriz.

O acordo emprazaba a que conxuntamente se acordase a fórmula definitiva para a restauración entre a Xunta, a deputación, o concello de Guitiriz e a diócese de Modoñedo-Ferrol.

O acordo emprazaba a que conxuntamente se acordase a fórmula definitiva para a restauración

Desta maneira, a Lareira solicitou xa unha nova xuntanza coa alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, e coas novas persoas responsábeis da área de Cultura da Deputación de Lugo co fin de recuperar “tan importantes pinturas e sacalas da lista vermella do patrimonio do Estado na que ten entrado para vergoña das institucións a pesar dos anos de demanda de solución por parte da nosa asociación”, reivindican desde A Lareira de Soños.

Sinalan ademais desde esta entidade sociocultural que o proxecto xa foi redactado por encargo da Xunta de Galiza e, por tanto, a contratación dos traballos “depende unicamente de decisións políticas”, segundo sinalan, polo que aseguran que seguirán a insistir “dado o perigo de desaparición definitiva dos mesmos se non se actúa para frear o seu paulatino deterioro”.

Desde a asociación teñen apuntado ademais que a restauración dos frescos suporía ademais da recuperación dun tesouro patrimonial, unha importante inxección económica e outro atractivo turístico e cultural na Chaira.