O Álbum da Galiza incorpora unha nova entrada de Castelao

Daniel Castelao en Montevideo, en abril de 1943.

A colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG) incorpora unha entrada nova dedicada a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, na que fai un percorrido pola súa traxectoria.

O académico e membro do Consello da Cultura Galega (CCG), Henrique Monteagudo, asina unha nova entrada de Castelao no Album da Galiza. Faino con motivo do 'Ano Castelao', celebración coa que a Xunta da Galiza pretende honrar a súa figura. O autor considera Castelao un "referente indiscutible" do galeguismo e do nacionalismo, "un clásico" das letras galegas e unha das "figuras máis representativas" da Galiza contemporánea, destacando tres etapas na súa traxectoria vital.

Segundo explicou o CCG nun comunicado, a primeira etapa, que vai desde o nacemento de Castelao até 1916, define a súa vocación. Castelao estuda Medicina, pero "rexeita exercer" como doutor para dedicarse ao cultivo das artes plásticas.

A segunda etapa, denominada por Monteagudo como 'O noso xenial artista', repasa a súa traxectoria desde 1917 até 1930 e correspóndese co período que Castelao está a vivir en Pontevedra. Esa cidade foi para o galeguista un lugar de socialización e conexión cultural, sobre todo co Museo Provincial de Pontevedra (1927), ao que lega a súa obra artística; a Coral Polifónica (1928), e a sociedade local de estudos Labor Gallega.

Nesta localización, comprométese co galeguismo e co nacionalismo galego na súa condición de intelectual e artista  “non só por vocación persoal, senón tamén pola forza das circunstancias, pois a ditadura primorriverista (1923-1930) coutou a actividade política do galeguismo”, indica o académico. Esta época comprende producións como Álbum Nós e as series de Cousas da vida, achegando a súa faceta como orador e ensaísta.

Compromiso político

Na última etapa, que transcorre entre 1931 e 1950, Castelao "entrégase ao compromiso político", sen esquecer as súas raíces artísticas. Este labor formará parte da súa vida, tomando a dirección do Partido Galeguista (1932-1936) e formando partes das listaxes de Frente Popular (1936) até a chegada da Guerra Civil. O artista emigra a Bos Aires continuando a súa carreira profesional, ademais de asumir diversos cargos como a presidencia do Consello da Galiza (1944) e a defensa do Estatuto de Autonomía durante a guerra.

A nova entrada compleméntase con outras biografías feitas por diferentes autores que formaron parte de iniciativas anteriores de proxectos do CCG. Ademais do texto biográfico, a entrada inclúe fotografías, ligazóns e outros materiais sobresaíntes, como un rexistro sonoro da voz do artista, o único que se conserva.