Un alalá de despedida para Begoña Caamaño
O alalá das Mariñas despediu a Begoña Caamaño. A escritora anceiaba morrer desta maneira, ficando durmida a escoitar a cantiga na voz amiga de Uxía. Así o deixou escrito nunha carta que a propia Uxía leu diante dos centos de amigos e amigas que ateigaban Boisaca. A súa derradeira lección de vida.
Non se sentía ningún movemento no auditorio cando Uxía leu a carta da escritora no acto de despedida en Boisaca. De non ser polos saloucos imposíbeis de conter no emocionante acto, tal parecería que o momento se tivera paralizado nunha foto fixa. Poucas das persoas que acudiron á homenaxe urxente da escritora Begoña Caamaño agardaban que o acto contivese un momento como ese. A autora das dúas excepcionais novelas nas que revisa a Circe e a Morgana compartiría naquel escrito unha última lección de vida, a última, conmovedora e inmensa.
A carta de Begoña Caamaño, enviada a súa amiga Uxía, é un escrito cheo de forza vital, de entusiasmo e de sosego. A escritora, afectada xa pola enfermidade que a levaría á morte, recoñecíase feliz, aínda que, coma ela dicía, custase crelo desde fóra pola dureza das circunstancias. Agradecía tamén á vida -malia a “putada”- ter sido tan xenerosa con ela, en comparanza con tantas mulleres sen esperanza que nacen cada día no mundo. Máis unha vez, Begoña Caamaño reivindicaba a felicidade e transmitía serenidade, como o levaba facendo en tantas ocasións n
Unha carta como lección de vida
Begoña Caamaño, no escrito que conmocionaba aínda máis pola serenidade que transmitía, retrataba o que desexaría como o momento doce para a súa morte. Ficando durmida recostada sobre o peito do seu compañeiro e con Uxía a cantar morno o “Alalá das Mariñas”. A amiga non deixou de facelo no emocionante acto de Boisaca, onde tamén Guadi Galego, Sergio Tannus e Guillerme Fernández puxeron música a unha homenaxe na que amigas e amigos engadiron tamén palabras á súa memoria. Entre elas, a poeta Ana Romaní, que se dirixiu a ela para pedirlle que non se incomodara pola súa tristeza ou Andrea Nunes que mandou desde China un poema para a amiga.
A carta de Begoña Caamaño, enviada a súa amiga Uxía, é un escrito cheo de forza vital, de entusiasmo e de sosego
No remate do acto, que se fixo breve e intenso, a carta volvía ser a protagonista. Difícil non comentar ese último legado de Begoña Caamaño que impactou ás amigas e amigos que, dunha maneira ou outra, debuxaban coa súa presenza a traxectoria vital da escritora. Caras coñecidas do mundo da cultura, do teatro, da literatura ou da música; activistas do feminismo, do sindicalismo, da lingua, da política ou de movementos antirrepresivos, persoas recoñecidas do ámbito do nacionalismo, moitas chegadas de Vigo e todo un amplo grupo da compostelá rúa de San Pedro, dous dos seus escenarios privilexiados. Amigas e amigos, moitos, en definitiva, que falan do querida que era a escritora. Toda unha rede, unha “comunidade de afectos”, como dixo María Reimóndez, que ela teceu durante toda a súa vida.
“Teño unha casiña branca, na Mariña entre os loureiros, teño amores teño barcas, e estou vivindo no ceo”, comezou a cantar Uxía diante do conmocionado auditorio, aquel Alalá das Mariñas que ela quería para a súa despedida.
(Imaxes do acto: Adriana P.Villanueva)