Contracultura

Aitor Martínez, artesán: "A idea de 'Mundos' é representar esa gran masa de individualidades que hai no planeta"

O artesán Aitor Martínez. (Foto: Elena López de Lamadrid)
Aitor Martínez (1969, Gipuzkoa, Euskadi) vén de gañar o Premio Nacional de Artesanía coa súa colección de madeira ‘Mundos’. Vasco de nacemento, leva na Galiza máis de dúas décadas e é veciño de Tomiño (Baixo Miño). Nos últimos anos recibiu gran cantidade de recoñecementos, sendo finalista o ano pasado do Premio Nacional de Artesanía e incluído na guía internacional Homo Faber, entre moitos outros logros.

Que quere transmitir coa colección ‘Mundos’?
Foi algo que se foi creando segundo o estaba a facer. Eu quería ter unhas pezas de madeira con moito volume e con paredes grosas nas que a materia tivese moita presenza. Segundo fun xuntando as pezas, imaxinábame planetas e como o tratamento que dei a moitas das pezas era de vinagre con óxidos metálicos, que reaccionan de forma distinta e collen diferentes cores, ao final fíxose aínda máis patente que parecían planetas. E despois recordáronme esa frase que di que todos vivimos en mundos circundantes diferentes pero que ao final todos conclúen en un.

E a idea de 'Mundos' é un pouco iso, querer representar dalgunha forma esa gran masa de individualidades que hai no mundo, porque hai tantos mundos como persoas, mais creo que logo todos concluímos aquí e temos que tentar evolucionar as fronteiras e os límites até velos como puntos de encontro máis que coma puntos de separación.

—E que foi o máis difícil á hora de levar a cabo este proxecto?
O máis complicado a nivel técnico foron os volumes porque son pezas grandes e poder manexalas ben é complicado. Hai que ter moito coidado de non facer dano ás pezas e non facerte dano a ti mesmo. Mais ao mesmo tempo, isto foi o que máis me gustou de todo: ter unha idea na cabeza e estar traballando cunhas pezas dese volume e que teñas que buscar ese equilibrio entre a técnica, as emocións e as ideas que vas facendo. O proceso é o que máis me gustou.

—A súa especialidade é a madeira verde, acabada de cortar Por que prefire este material?
A madeira verde ten humidade, un 30 ou 35%. E cando comeza a perder a humidade empeza a retorcerse e agretarse. Gústame porque van collendo unha forma que non lle poderíamos dar, incluso gretas. Eu traballo moito coas gretas porque me dan a sensación de ter certa similitude a cando alguén di: “Non serves para isto”, porque todos temos as nosas marcas e nosas historias. Así as pezas acaban tendo a súa propia personalidade.

—Nos últimos anos logrou moitos recoñecementos. Cambia isto algo á hora de facer novos proxectos, tal vez pola presión?
Non, cando me dan recoñecementos e premios é como se me estivesen a dicir: “Sigue así, que vas ben”. Á hora de traballar non cambia nada porque eu son feliz no meu traballo. Pasa o mesmo cando recibo felicitacións, despois cando entro de novo no taller é como se se me esquecese porque o estou a facer porque de verdade, gústame e fágoo  sen pensar no premio nin nas felicitacións. Mais é xenial que valoren o meu traballo, por suposto. Ao final é un orgullo e un impulso para seguir adiante. Estou feliz como estou, coas miñas fillas. Ao mellor non gaño moitos cartos, mais son feliz e ao final iso é o importante. Con que poida pagarlles a universidade xa me chega dabondo.

A xente nova ten que saír a pedir o que é deles e loitar polos seus soños, alcanzar as súas metas. E sobre todo hai que facer o que te faga feliz a ti e non á túa familia ou coñecidos.