9Louro conquista Compostela: quen é este artista que fixo rebordar o Outono Cultural da USC?
A actuación de 9Louro no marco do Outono Cultural da USC desatou longas colas e un entusiasmo inusual na noite da quinta feira en Compostela. O artista, convertido nun dos nomes máis virais e comentados da nova escena galega, encheu a Igrexa da Universidade, deixando claro que a súa música conecta de forma transversal coa mocidade. Pero, quen é exactamente 9Louro e por que esperta este fenómeno de devoción?
O Outono Cultural da Universidade de Santiago de Compostela viviu esta quinta feira unha das súas xornadas máis multitudinarias co concerto de 9Louro, o proxecto persoal de Martín Louro, rapaz de 20 anos natural de Muros, que se está a consolidar como fenómeno da música urbana entre a xente nova. As longas colas que se formaron ás portas do edificio —centos de mozas e mozos agardando durante horas— confirmaron a dimensión dunha figura que medra con rapidez nas plataformas dixitais.
9Louro é parte dunha fornada de creadoras e creadores que están a renovar a música feita na Galiza, combinando trap melódico, electrónica, hiperpop e unha forte identidade estética. Co seu estilo propio —visualmente coidado, emocionalmente explícito e xeracionalmente recoñecíbel— converteuse nun dos artistas máis seguidos en TikTok, Instagram e Spotify, onde acumula máis de 37.000 oíntes mensuais.
Temas como Os meus males, Eu e Ti, Miss Xeixo ou Hoxe non volvo conectan directamente cun público adolescente e universitario, que atopa no artista unha voz co que identificarse: ansiedade, afectividade líquida, inseguridades e ganas de vivir rápido nunha sociedade hiperconectada.
Un concerto que rebordou todas as previsións
A actuación no marco do Outono Cultural da USC era un dos pratos fortes da programación universitaria deste trimestre, e o interese superou todas as expectativas. As colas comezaron a formarse ás portas da Igrexa da Universidade moito antes da hora prevista e estendéronse ao longo de varias rúas próximas, deixando claro o tirón que 9Louro ten entre o estudantado compostelán.
O público, formado maioritariamente por mozas e mozos, encheu o recinto nun ambiente de entusiasmo colectivo. Aliás, e segundo confirmaron tanto a USC como o propio 9Louro nas súas redes sociais, foron moitas e moitos as que non puideron acceder ao evento ao completarse o aforo do recinto.
Que vén agora?
O artista anticipou nas súas redes sociais novos lanzamentos para comezos de 2026, así como un concerto "nunha sala máis grande".
"Perdón de corasón a todo o mundo que quedou sen entrada e non puido disfrutar do show de onte. Vémonos a prinsipios de 2026 nunha sala aljo máis jrande... a semana que vén salimos co novo adianto, quérovos un huevo", publicou Louro.
O cheo no Outono Cultural da USC confirma que 9Louro é xa unha das figuras máis influentes da escena urbana galega contemporánea, con capacidade para mobilizar centos de persoas alí onde actúa.