Agosto negro: un verán de terror na Galiza

Moncho Reboiras, Xosé Ramón Lema, Ovidio Álvarez e Darío Xohán Cabana diante da Casa de Rosalía de Castro, en Padrón, en 1970. (Foto: Manuel Reboiras)
O 12 de agosto de 1975 a policía española asasinou en Ferrol o dirixente da Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia no marco dun operativo represivo contra un movemento nacionalista en forte expansión, que rematou con 26 detencións, oito persoas exiliadas, outras catro fuxidas e a incautación de diverso tipo de material en 16 inmóbeis distribuídos por todo o país que facían parte da estrutura clandestina da UPG. 50 anos despois daqueles feitos Sermos Galiza recupera a memoria rebelde e represaliada daquel agosto negro.

O ano 1975 foi chave na historia do nacionalismo galego. Ao longo do mesmo, confirmouse un aumento da súa influencia social, con especial incidencia no campo cultural e estudantil, da súa capacidade de mobilización, evidenciada na convocatoria do Día da Patria Galega e da súa consolidación organizativa, concretada na constitución da Asemblea Nacional-Popular Galega (AN-PG) e do Sindicato Obreiro Galego (SOG). Neste sentido, verificouse un salto adiante na súa penetración e incidencia, acelerada e confirmada o ano seguinte coas loitas populares e manifestacións promovidas por toda Galiza.

A ditadura respondeu a esta nova realidade do nacionalismo co aumento da represión. Así, en abril de 1975, o Goberno español activou a orde de desterro fóra da Galiza de Francisco Rodríguez, un dos máis cualificados dirixentes da UPG. Unhas semanas máis tarde, varios militantes deste partido e de Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA) foron detidos en Compostela por espallar follas voandeiras do Primeiro de Maio, rematando na comisaría, entre outros, Lito Fraga, Xosé Manuel Rodríguez, Xosé Manuel Rodríguez 'O Neno', Xesús Seixo e Carlos Vales. Ao tempo, a policía impediu o 25 de xullo a saída da manifestación do Día da Patria Galega, cargando contra os asistentes e arrestando 10 persoas, entre elas Fernando Souto, que foi duramente torturado na Coruña.

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 9 de agosto. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]