Agapi celebra 25 anos de percurso

Felipe Laxe (dereita) e Juan de Dios (esquerda)
A Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi) fai 25 anos e celébrao en Compostela cunhas xornadas de formación, incidindo no seu compromiso coa promoción do sector que representa.

Agapi fai 25 anos de traballo e celébrao en Santiago de Compostela. As actividades programadas contan coa participación de destacados representantes do panorama audiovisual.

De tal xeito, a quinta feira 21 de novembro, pola mañá, terá lugar unha xornada en torno á produción audiovisual na que tomarán parte representantes das administracións –entre eles Beatriz Navas, directora xeral do Instituto de Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA)–, xunto a asociacións, empresas e profesionais. Pola noite, os actos conmemorativos incluirán unha gran festa na sala Capitol para persoas asociadas e  convidadas.

Ao longo dos seus 25 anos de traxectoria, esta asociación contribuíu ao desenvolvemento do sector na Galiza promovendo, entre outras iniciativas, a creación da Academia Galega do Audiovisual, que absorbeu os premios Agapi dando lugar aos actuais Mestre Mateo. Tamén impulsou a creación do Clúster Audiovisual Galego e desenvolveu un labor destacado como interlocutora coa Administración.