Afunde parte do tellado da igrexa románica de Carboeiro
Ao colpasar a trabe de madeira.
Parte do tellado da igrexa parroquial Santa María de Carboeiro, en Silleda, caeu na noite da sexta feira ao sábado, ao ceder a trabe de madeira que quedaba no teito, pois as outras que había foran substituídas nunha reforma anterior.
A igrexa parroquial conserva unha notábel colección de canzorros románicos e unha imaxe gótica da Virxe, de grande valor artístico e que non resultaron danados por este incidente, que obrigou a perimetrar a igrexa. De feito, imaxes e libros foron levados a resgardo.
En principio, o único que resultou danado por este derrube foron algúns dos bancos das primeiras filas. Até o lugar desprazouse a alcaldesa da localidade, Paula Fernández, acompañada do párroco e técnicos municipais.
Un dos aspectos máis eloxiados e distintivos deste templo é, sen dúbida, a súa colección de elementos arquitectónicos románicos. A característica máis salientábel é o conxunto de canzorros románicos que adornan o aleiro da cuberta.
Pintadas
O Concello de Silleda denunciou a inicios deste mes de abril ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural os danos detectados na inscrición fundacional situada no exterior da cripta do Mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, un dos elementos máis salientábeis do conxunto monumental.