AELG homenaxea as mestras da memoria e do saber popular galego

Teresa dos Cucos, Mestra da Memoria 2021 da AELG. (Foto: AELG)
Promove actos na honra de Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando pola súa traxectoria e traballo en favor da tradición oral. A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) entregará estes premios nunha gala que terá lugar no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo esta sexa feira.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) non frea na súa intensa actividade cultural e vén de revelar os nomes merecedores dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2021, que non son outros que Teresa dos Cucos e Aurelio Ramos Ogando. 

A sección de Literatura de Tradición Oral do colectivo decidiu recoñecer o labor destas dúas persoas, que foi chave para “manter viva unha parte fundamental da nosa memoria colectiva e o saber popular”. 

“Unha cantarea é o mellor xeito de expresarmos o que sentimos”, reflexiona a nova mestra da memoria

Teresa dos Cucos amosou desde moi nova o interese polo canto tradicional tendo achegado o coñecemento das coplas de tradición oral e non recollidas nos libros a Mercedes Peón, Xurxo Souto, Sés, Xabier Díaz ou Tanxugueiras.

Unha das súas frases célebres é que “unha cantarea é o mellor xeito de expresarmos o que sentimos”. 

Aurelio Ramos é un contador valorado en Beariz e máis aló dos límites municipais.

“É ben coñecido pola súa facilidade de palabra, o seu humor, a súa disposición e posúe distintos e notábeis talentos: tanto pode coller a gaita para animar unha festa como improvisar un discurso en verso ao xeito dos brindeiros”, destaca a AELG.

Os premios serán entregados esta sexta feira ás 18 horas nun acto oficial no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo.