Disólvese o Colectivo Buril

Adeus a 36 anos de activismo cultural en Burela

Detalle dun cartaz do Colectivo Cultural Buril realizado polo deseñador Xosé Vizoso.

O Colectivo Cultural Buril vén de anunciar a súa disolución. Despois de 36 anos de activismo cultural galego, a asociación de Burela “despídese definitivamente”. Fíxoo cun texto pendurado no seu blog en que repasa resumidamente algúns fitos da súa traxectoria.

Buril entregará os seus fondos documentais ao Concello de Burela -que se comprometeu a xestionalos na biblioteca e no arquivo municipais- e os seus fondos económicos a entidades de carácter social como a Asociación Camiña ou a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental.

Buril fundouse en novembro de 1983. Até 2016, “mantivo unha programación continuada”. “O común denominador foi a defensa e a posta en valor do idioma e a cultura galega”, explica na mencionada entrada da súa bitácora, “e o traballo a favor de toda manifestación cultural en calquera dos seus ámbitos”.

O propio colectivo divide a súa historia agora clausurada en tres etapas. A primeira foi da fundación ao 1998. A publicación da revista O Trasno ou as Xornadas de Teatro estiveron entre as principais actividades do período. De 1999 a 2008, a recuperación da historia local e o libro Burela na Memoria son un fito indiscutíbel. Na derradeira etapa xurdiron “novas actividades vinculadas á lingua desde unha perspectiva reintegracionista”.

Con este balanzo ás costas, o Colectivo Cultural Buril inscribiu a súa disolución no Rexistro Central de Asociacións da Xunta o 27 de maio de 2019.

 

Nota: cartaz do Colectivo Cultural Buril realizado polo deseñador Xosé Vizoso.